Rosario Álvarez Blanco
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952), é profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e directora do Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela).
Licenciouse en Filosofía e Letras (Filoloxía Románica-Español) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa memoria "Notas lingüísticas e etnográficas de Ramirás" (1974). Doutorouse coa tese "O pronome persoal en galego" (1980). Desenvolveu o seu labor docente ata 1982 no Departamento de Filoloxía Románica da USC, para logo continuar no Departamento de Filoloxía Galega onde acadou en 1998 a condición de Catedrática de Universidade da área Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego dende os inicios. Entre os cargos académicos máis relevantes ocupados ata agora están o de Directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e Vicerreitora de Profesorado (1990-1994).
Proposta como membro numerario da RAG o 8 de setembro de 2001 e ingresou o 6 de xuño de 2003 na Real Academia Galega cun discurso titulado "Variedade e diversidade da lingua. Algunhas reflexións sobre cambio, variación e galego estándar", contestado por Antón Santamarina. Pertence ao Instituto da Lingua Galega desde 1974. Na actualidade dirixe o ILG e sucede a A. Santamarina á fronte do Seminario de Gramática da RAG.
A investigación de Rosario Álvarez segue tres liñas fundamentais:
-
- O estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego.
- O cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio.
- A edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ó Rexurdimento.
Autora xunto con Xosé Xove da Gramática da lingua galega editada na Editorial Galaxia