Spam
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Etimoloxicamente o termo SPAM procede dunha popular serie de comedia inglesa, Monty Pyton, onde uns vikingos desleixados e teimudos pedían nun bar, a berros, latas dunha conserva americana de xamón de marca SPAM.
Na práctica o SPAM é o envío repetido de mensaxes de correo electrónico, en grande cantidade, para distribuir información inutil, propaganda e unha variedade de propostas segundo esquemas tipo "gañe diñeiro fácil". Supón un desperdicio de recursos técnicos e de tempo de atención dos usuarios.
As persoas e sistemas que o envían devecen por atopar enderezos de correo electrónico activos e atendidos, sexan estes de tipo persoal ou de departamentos ou grupos de traballo, e colleitan estes enderezos con programas que os buscan automaticamente en páxinas web, guías, directorios, chats e grupos de novas.
Malia non haber método infalible ningún para ocultar enderezos a estes desaprehensivos, velaquí algúns consellos para dificultar a súa colleita automática:
1. Non empregue un nome nin unha verba común como enderezo.
Unha das técnicas de SPAM consiste é enviar millóns de mensaxes dirixidos a enderezos construidos con nomes de pía e verbas comúns, como antonio@fundacion.org, manuel@xunta.es, familia@concello-x.org, etc. Lembre que o custo deste envío masivo é cero para quen dispón de conexión á internet. Canto máis comúns e coñecidas sexan as verbas que compoñen o enderezo, máis probabilidade haberá de que vostede reciba SPAM, aínda que adopte outras precaucións.
2. Non inclúa o seu enderezo en páxinas web ou directorios "en liña".
A non ser que teñan acceso restrinxido, os enderezos de correo en páxinas web, listas, etc son facilmente localizados por quen os busca. Moitos directorios "en liña" teñen mecanismos para rexeitar as consultas masivas ou repetitivas que lanzan os spammers, pero o mellor é non aparecer neles.
3. Disfrace o seu enderezo cando o teña que escribir nun soporte electrónico.
...de xeito que o seu receptor humano o poida comprender, pero non unha máquina.
Por exemplo: Pode escribir... evaristo.curras recibe-en crtvg.es no canto de evaristo.curras@crtvg.es anton.brandomil.turnes na xunta punto es en troques de anton.brandomil.turnes@xunta.es info cidadan aaaa xunta es no canto de info.cidadan@xunta.es
Nas páxinas web HTML (pero non nos arquivos PDF) pódese empregar programación con JavaScript para que apareza o enderezo na visualización, pero non dereitamente no código HTML. Tamén se pode presentar o enderezo escribindo este nun gráfico que se insire na páxina HTML.
4. NUNCA responda ao correo lixo.
En xeral, non responda nunca a mensaxes non solicitadas ou SPAM, nin caia na trampa de premer en "Borrar da lista", "Remove me", etc. Se o fai, esta acción confirmará que o seu enderezo está activo e atendido, e fará máis difícil que se esquezan del (mesmo gañará puntos para aparecer en listas máis selectas).
Lembre que algúns desaprehensivos poden intentar que vostede crea que recibiu unha mensaxe dirixida a outra persoa, e cando vostede avisa do aparente erro de destinatario non fai senón verificar o enderezo empregado (o seu propio). Se recibe correos sospeitosos con asuntos persoais, simplemente ignóreos.
5. Desconfíe: Non dea o seu enderezo a calquera.
En xeral, desconfíe se nun sitio web lle piden o seu enderezo de correo electrónico. Só llo debería dar se vostede considera que os seus responsables son de lei. Se non confía neles, non llo dea.