Tarhuntasa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tarhuntassa ou Tarhuntasa foi unha cidade e un reino que ocupou a parte suroeste de Anatolia, entre Cilicia e Licia. A cidade estaba na Terra Baixa Hitita, pero non se dá atopado exactamente o lugar, a pesar de que tiña que ser próximo do val do moderno río Gok Su ou nas inmediacións de Kayseri.
O rei hitita Muwatallis II (-1295 – -1272) trasladou a capital do reino desde Hattusa a Tarhuntasa, pero a capital do imperio retornou a Hattusa baixo o rei Urhi-Tesub ou Mursilis III (-1272 – 1267)
[editar] Reino de Tarhuntasa
Tarhuntasa converteuse na capital dun reino hitita separado que se estendía por Panfília, Cilicia Occidental e as montañas do Tauro ata Konya, e cara a Lukka ao oeste, e tiña á fronte a Ulmi-Tesup, que era fillo de Muwatallis II e que sobre o -1266 asinou un tratado co rei hitita Hattusilis III. Foi creado por Hattusilis III para o seu sobriño para facer fronte aos ataques de Lukka, rebelde, e de Piyama-radu e o seu irmán Tawagalawa, que á fronte de aventureiros de Arzawa e de Lukka e coa axuda de Ahhiyawa e Millawanda (e da illa de Lazba de onde eran orixinarios) se apoderaran de todo o sueste de Anatolia. Ulmi-Tesub colleu o nome de reino de Kurunta.
O reino limitaba ao norte e oeste con Pitassa, Ussa e terras hititas, e para o sur e suroeste eran terras a dominar "en dirección á cidade de Saranduwa na terra do río Hulaya". Nos seguintes anos Kurunta dominou ata a costa ao sur, e ao oeste ata o río Kastaraya (Kaistros) e a cidade de Parha (Perge) na chaira panfilia.
O debilitamento de Hatti obrigou a facer concesións ao rei Ulmi-Tesub (Kurunta) de Tarhuntasa, o fillo de Muwatallis, que se atribuíu o título de Rei de Hattusa. O rei de Tarhuntasa na metade do século era aínda Kurunta, que despois desta data asinou un tratado con Tudhaliyas IV. Suppiluliumas II afirma nunha inscrición ter devolto o reino de Tarhuntasa á obediencia, pero o reino sobreviviu, e os seus reis continuáronse titulando reis de Hattusa ao igual que o fixeron os reis de Karkemish.
Suppiluliumas fixo campaña contra Tarhuntasa, segundo unha inscrición. Pero non se sabe a causa da campaña, existindo tres teorías: unha revolta do rei de Tarhuntasa (Kurunta ou un fillo de Kurunta); os primeiros ataques dos pobos do mar; ou rebeldes internos.
Sobre o -1185 o imperio Hitita fundiuse. Tarhuntasa sufriu os ataques dos pobos do mar ao mesmo tempo e desapareceu, xunto co imperio.