Tebas, Exipto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Para a antiga cidade de Beocia, ver Tebas, Grecia.
Tebas (Θηβαι, Thēbai) é a denominación grega da antiga cidade exipcia de niwt ("A Cidade") ou niwt-rst ("A Cidade do Sul"). Está situada no Alto Exipto, a 700 km ao sul do mar Mediterráneo, na beira leste do Nilo, no lugar que agora ocupa a actual Luxor. Era a capital de Waset, o cuarto nomo do Alto Exipto, nome tamén se lle ten aplicado á cidade mesma. Foi a capital de Exipto durante parte do Imperio Medio e a maior parte do Imperio Novo.
Índice |
[editar] O nome
Como sede da tríada de divindades Amón, Mut e Khonsu, Tebas coñecíase en lingua exipcia desde o Imperio Novo como niwt-imn, "A Cidade de Amón". Isto chegou ao hebreo, na Biblia, como נא אמון nōˀ ˀāmôn (Nahúm 3:8). Para os gregos foi Διοσπολις Diospolis ou "Cidade de Zeus" (Amón identificouse con Zeus).
Non se sabe de onde ven o nome grego Tebas. Para algúns ven do nome da cidade grega do mesmo nome na Beocia (Tebas, Grecia). Para outros foi derivado a partir do exipcio t3 ipt-swt ("O Máis Escollido dos Lugares"), un dos nomes do templo de Luxor, ou de Djeme (Medinet Habu). Pero nada é seguro.
[editar] Historia
Waset era pouco máis que unha vila de provincias durante o Imperio Antigo. Fican duas mastabas construídas con tixolos durante as III ou IV dinastías e un pequeno grupo de tumbas das V e VI dinastías; daquela as residencias reais e as tumbas, tanto reais como nobiliares, construíanse en Saqqara, perto de Menfis. Os edificios máis antigos que existen hoxe en día fan parte do complexo de templos de Karnak e datan do Imperio Medio, ainda que se atopou unha estatua de Niuserre, faraón da V dinastía, polo que se supón a existencia de polo menos un templo do Imperio Antigo.
O poder político de Tebas aumentou durante o Primeiro Período Intermedio e algún dos seus reis pretendeu selo do Alto e do Baixo Exipto, pero o seu poder nunca se estendeu alén da rexión tebana. Finalmente, Mentuhotep, que gobernou durante 51 anos, si foi quen de reunificar todo o Exipto e inaugurar a XI dinastía e con ela o Imperio Medio.
Tebas declinou de novo cando Amenemhat I, da XII dinastía, trasladou a capital para o norte. A cidade asumiu entón o papel de centro relixioso, conforme o seu deus Amón era promovido a deidade principal do estado. Os restos máis antigos dun templo dedicado a Amón datan do reinado de Senwosret I, na XII dinastía. O núcleo desta construción do Imperio Medio áchase no corazón do templo actual, por detrás do santuario.
O momento culminante do poder de Tebas chegoulle durante a XVIII dinastía, durante a que se edificaron os templos máis grandiosos e se construíron as tumbas na beira oeste. O centro da cidade a partir do Imperio Medio estendíase entre os templos principais de Karnak e Luxor, ao longo da avenida de esfinxes que os conectaba. Esta zona está ocupada actualmente pola cidade moderna de Luxor.
Durante o Terceiro Período Intermedio, o Sumo Sacerdote de Amón enfrentouse aos faraóns da XXI e XXII dinastías que gobernaban desde o delta. A influencia de Tebas declinou a partir de entón.
[editar] Monumentos
Na marxe leste están a parte principal da vila e os templos máis importantes. Na marxe oeste estaban a necrópole coas tumbas e os templos funerarios, así como o bairro de Deir el Bahri, os templos funerarios de Mentuhotep e Hatshepsut, o templo de Amón de Tutmosis III, o Ramesseum de Rameses II e outros templos funerarios, como o de Seti I e Amenhotep III cos Colosos de Memnon.
[editar] Beira leste
- Templo de Karnak
- Templo de Luxor
[editar] Beira oeste
- Val dos Reis
- Val das Raíñas
- Medinet Habu (templo funerario de Ramsés III)
- O Ramesseum (templo funerario de Ramsés II)
- Deir al-Madinah (vila dos traballadores)
- Tumbas dos Nobres
- Deir el-Bahri (templos de Montuhotep II, Hatshepsut, etc.)
- Malkata (palacio de Amenhotep III)
- Colosos de Memnon (templo funerario de Amenhotep III)