Terra sigillata
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A terra sigillata é un tipo de cerámica romana fina en terra cocida que presenta unha especie de engobe ou verniz, normalmente brillante, de cor vermella ou alaranxada. A vaixela sigillata leva con frecuencia unha marca sobre o fondo interior feita polo oleiro antes da cocción cun punzón (sigillum, en latín, de onde procede o nome). Esta marca reproduce, abreviado, o nome do alfareiro. As pezas decóranse con motivos en relevo (metopas, pequenos frisos, barbotina) realizados a partir de formas en terra cocida sobre as que se realizou o negativo da decoración coa axuda tamén dun punzón.
É unha vaixela de medio luxo utilizada fundamentalmente para o servizo da mesa. Para os arqueólogos supón un dos mellores trazadores cronolóxicos xa que a súa produción era normalizada e en serie: nun período dado dábanse formas idénticas en obradoiros ás veces moi alonxados entre si.
A cerámica sigillata orixinouse no oriente helénico (Samos, Megara, Pérgamo) entre os séculos II e I a. C. Cara mediados do século I a.C., en época augustea, esta técnica de fabricación foi imitada en Italia e suplantou as vaixelas de verniz negro campaniense. Difundiuse rapidamente fóra da península á Galia, Península Ibérica e África do Norte. Durante o primeiro século d.C. a maioría dos alfares sitúanse na parte oriental da Galia e até o Rin salientando La Graufesenque que exportaba de xeito masivo ao resto do imperio, en Italia destacaban as producións de Roma, Arezzo e Puzzoles que diminuíron a súa produción pola competencia dos obradoiros da Galia. Este tipo de cerámica deixouse de facer durante o século III d.C.
Na Gallaecia non existiu nengun alfar que producise sigillata. As importacións procedían inicialmente de Arezzo ("cerámica aretina") ou das Galias, e posteriormente de Hispania. Estas tres son as variedades principais de cerámica sigillata.
O termo terra sigillata data de finais do século XIX e foi inventado polos arqueólogos, que a consideran como un dos mellores trazadores cronolóxicos. Hans Dragendorff presentou o primeiro repertorio en 1895, agrupando 55 formas que aínda se utilizan hoxe en día.