Toponimia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Toponimia é a división da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, da súa orixe e evolución; é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para referirmonos ao conxunto dos nomes dos lugares dunha nación, provinvia,... A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.
Os topónimos, aínda que procedentes dun mesmo étimo, poden ser, nunha mesma lingua, totalmente diferentes. Isto débese a:
-
-
- Flexión xenérica e numérica: Casal, Casás, Casais.
- Aparición de todo tipo de sufixación referencial: Carballosa, Carballal, Carballar, Carballeda de Avia, Carballido, O Carballiño...
- Formación de numerosos compostos, especialmente coa adxunción dun adxectivo como segundo elemento (-agudo, -baixo, -outo, -maior,...: Monteagudo, Picouto, Vilarmaior) ou coa presencia dun sintagma nominal subst. + de + subst. (Vilar de Frades, Montaña da Agra) ou subst. + de + adv.(Carballal de Arriba).
- Evolucións dialectais: *FONTANELLA > Fontela / Fontenla, *PLANU > chao/chan (Chaodorío)
-
Porén, as leis de evolución fonética (por exemplo, as leis de Grimm) dos topónimos son iguais cós da lingua común, pois os falantes non teñen consciencia de que haxa que pronunciar os topónimos dun xeito distinto ás palabras comúns. Mais ás veces as leis evolutivas ficaran nun determinado estadio, dando lugar a verdadeiros fóseis lingüísticos; así un topónimo como Mazaeda revela un estadio intermedio, desde un tardolatino *MATTIANETA fronte Maceda, máis evoluído.
Índice |
[editar] Evolución da toponímia como ciencia
O desenvolvemento científico dos estudos toponímicos aparece no século XVIII. Na Galiza Martín Sarmiento é o primeiro que aplica o método filolóxico e comparativo non só na lingua galega en xeral, senón tamén á toponimia e antroponimia.
Mais ha que esperar ata finais do XIX para que o desenrolo da lingüística impulse paralelamente a onomástica como unha rama propia. En diversos países europeas alguns lingüistas son considerados os abandeirados do establecemento da toponimia. Deben destacarse en Francia D'Arbois de Jubainville, Auguste Longnon, Albert Dauzat; na Alemaña H. Groehler, E. Gamillscheg, Gerhard Rohlfs; en Italia V. Bertoldi. En Bélxica Carnoy, Auguste Vincent. Na Suiza, Hubschmied e Paul Aebischer. En Portugal, como en tantas outras cousas, o pioneiro foi José Leite de Vasconcelos. Alguns deles emprestaron tamén atención á Península Ibérica, na que debemos destacar a Ramón Menéndez Pidal, Antonio Tovar, Johannes Hubschmid, Joan Coromines i Vigneaux ( Juan Corominas), Antoni Badia i Margarit, Manuel Alvar, A. Griera, Luis Michelena, etc. Varias revistas especializadas aglutinaran as investigacións onomásticas, das que compre destacar "Onoma", un boletín bibliográfico creado en 1950, en Lovaina.
Tamén en América se desenvolveran no entretanto as investigacións toponímicas. En Canadá destacou Robert Douglas. Nos Estados Unidos cómpre salientar a Robert L. Ramsay como fundador de toda unha escola onomástica. Os esforzos canalizaronse a través da revista "Names", desde 1953, vinculada á Universidade de Berkley. Non faltan tampouco toponimistas en Latinoamérica: Ricardo L.J. Nardi na Arxentina ou Bernardo Pedral Sampaio no Brasil.
Para o estudo da toponimia galega, aparte de algún dos antes citados (Leite de Vasconcelos, Menéndez Pidal, Coromines)son primordiais os estudos de Joseph-Maria Piel, Abelardo Moralejo Lasso, Manuel Rabanal Álvarez, José Luis Pensado Tomé, Isidoro Millán González-Pardo, José Santiago Crespo Pozo, Eligio Rivas Quintas, Nicandro Ares Vázquez, Fernando Cabeza Quíles. Non houno unha revista especializada na Galiza ata que o irmao marista Manuel Rodríguez Rodríguez (1898-1975) fundou o Seminario Fontán-Sarmiento de Hagiografía, Toponimia e Onomástica de Galicia, en 1972, con sé no colexio maior Xelmírez, que publica un boletín. Mais a maioría dos traballos toponímicos están dispersos por varias publicacións, non sendo raro que mesmo aparezan en xornais.
[editar] Orixe dos topónimos galegos
A orixe dos topónimos por orde cronolóxica é:
-
-
- Topónimos prelatinos (Arzúa, Barallobre, Betanzos, Cangas, Noia, Sarria, Sillobre, Trives, Barbanza, Arnoia, Deva, Eo, Tambre, Bar, ...).
- Orixe latina. Son os maioritarios: Compostela (de COMPOSITA + ELLA, non de *CAMPUS STELLAE), Padrón ( de PETRONEM, formado sobre un aumentativo de PETRA), Vigo ( de VICUM ), Eiras ( de AREAS ), Reboira ( de *ROBOREA), Taboada ( de TABULATA ), Viveiro ( de VIVARIUM),... A través do latín entraron no galego topónimos de orixe grega ou xudea, na maior parte por influxo do Cristianismo, como Grixoa ( de ECCLESIOLA, diminutivo de ECCLESÍA), Mosteiro ( de MONASTERIUM), Vilasol ( dunha VILLA SAULI, do nome hebreo latinizado SAULUS).
- Orixe xermánica. Son nomeadamente numerosos como derivados de antropónimos (Vaamonde, Baldomar, Baltar, Goiáns, Gondomar,... e moitos dos rematados en -ei: Forcarei, -il: Ruxil, e -iz: Espariz), sobre todo tendo en conta que moitas veces se xuntan en composición con elementos latinos. Como derivados do léxico xermánico común, son menos frecuentes: Boiro ( do tema *BÛR "edificación"), Loiba, Lobios ( xermánico *LAUBJO "alpendre") , Sás, Zas ( gótico SALA "pazo").
- Orixe árabe. Pouco frecuentes: Aldea, Alfoz (arrabalde), Almuíña (horta, herdade), Barrio, Rábade (fronteira), Acea ou Aceña (muíño de auga), posiblemente A Mezquita, ...
- Orixe franca: co nome de francos englóbanse historicamente os inmigrantes europeos que foran chegando ata os reinos peninsulares ao longo da Idade Media. Na súa maior parte eran franceses (de aí o xentilicio), pero tamén os había xermanos, italianos, languedocianos, etc. A influencia maioritaria foi francesa ou provenzal (como se observa na influencia exercida sobre a linguaxe galaico-portuguesa). Podemos observar pegadas tamén na toponimia: Granxa ( do francés GRANGE), Temple (forma francesa fronte a autóctone Templo).
- Orixe castelá. A consecuencia da influencia do español, como língua oficial: Calle, Venta da Castellana, As Ermitas, Carrete(i)ra, Manzaneda, O Portazgo.
-
[editar] Clasificación dos topónimos
Poden clasificarse os topónimos tematicamente:
-
-
- Hidrónimos ou topónimos referentes ás augas: Abanqueiro, Areas, Cachoeira, Esteiro ( de AESTUARIUM) Fontiñas, Fumiñá, Pozo, Ribadiso, Roxos.
- Orónimos, referidos á orografía e topografía: Catasós ( < CAPTA SOLES), Cotón, Penido, Serrón, Moncalvo, Valga, Valilongo, Vista Alegre.
- Constitución do terreo: Areas, Barreiro, Polvoreiro.
- Fitónimos ou nomes de lugar referidos ao mundo vexetal, natural ou cultivado: Cerdedo, Fraga, Castañeda, Soutelo, Teixido, Xardoal, Xestelas.
- Zoónimos, topónimos relacionados coa fauna, salvaxe ou doméstica: Abelleira, Aguiar, Cebreiro, Golpellás, Lobeira, Sardiñeira, Vacariza.
- Condicións meteorolóxicas: Bufarda (na acepción de "lugar ventoso"), Corisco, Escuriscada, Invernal, Ventosela.
- Vías de comunicación ou odónimos: Carral, Catrocamiños, A Estrada, Estación, A Pontenova, Rodeiro, O Vao, Vieiro.
- Núcleos de poboación: Aldea, O Burgo, Casal, Castro Caldelas, O Lugar, Vila, Vilar.
- Límites e referencias espaciais, ás veces resumidas nun adverbio: Alén (de AD ILLINC), (A)Lence (de ILLINCE), Limideiro ( de *LIMITARIUM < LIMITE), Pedrafita ( de PETRA FICTA), Suso (de SURSUM "cara arriba") ou Susao ( de *SURSANUM).
- Edificios e construccións: Antas, Arcos, Cabanas, Casanova, Castelo, Pacios, Orro, Valadás, Venda Nova, Torre, Tuñas ( de TUDICULAS; o esperábel sería *Tullas).
- Edificacións relixiosas: O Convento, Cruceiro, Eirexa, Ermidón, Mosteirón, Sinoga (< SYNAGOGA).
- Explotacións agropecuarias: Abertal, Agrasar, Curros, Eirelas, A Graña, Granxiña, Rozadal.
- Explotacións industriais e comerciais: Concheiros, Escourido, A Fábrica, Ferreirúa, Muíños, Porto do Son, Tenda, O Vinteún (referencia á data do mes no que se celebraba a feira, cfr. Feira do Doce máis revelador), Viveiro.
- Institucións (político-sociais ou outras): Alfándega, Bailía, O Condado , Couto, Encomenda, Estanco, O Foro, Temple.
- Pobreza e riqueza: Famelga / Falmega ( de (VILLA) FAMELLICA), Laceiras (laceira "pobreza", creado do antropónimo Lazarus, de orixe semita), Podentes ( de POTENTES "que poden"), Vilarrica.
- Haxiotopónimos ou nomes de lugar referidos a algún santo ou advocación sagrada: O Corpiño, Santalla, Santa Cubicia, Santo Estevo, Sanxés ( de SAN(CTU) GENESIU .
- Antropotopónimos: nomes de lugar referidos a nomes persoais ou familiares: Chamín (do latín FLAMINIUS), Allariz (do xermánico latinizado ALIARICUS), Cazurraque (de CASA ORRACHI, do medieval Urraca, nome de muller de discutida orixe), Ceide (do árabe SAYD), Os Gómez (dun apelido de orixe xermánica), Morquintián ( dunha Mor Quintián, que correspondería a un latino *Maiore *Quintilane, con nome de orixe latina e apelido xermánico), Paiosaco ( dun Paio Saco), As Pontes de García Rodríguez, Negueira de Muñiz.
- Topónimos derivados de xentilicios ou etnónimos: Astureses ( de ASTURENSES "asturianos"), Cambeses, Cumbraos (< CONIMBRICANOS, de Coimbra), Foramontaos, Francos, Lemos ( de LEMAVOS), Toldaos (se < de *TOLETANOS), Trives ( de TIBURES).
- Topónimos derivados de outros, por razóns diversas: Callao, Laciana, Mondego, Rozabales, Santiago.
- Creacións expresivas diversas ou que lembran un sucedido actualmente non fácil de explicar: Mexadeiro, Mollafariña, Salsipodes.
-
Cómpre ter conta de que con frecuencia os topónimos poden solaparse en dúas ou máis variantes temáticas.
A conversión dos topónimos en nomes comúns, ou viceversa, constitúe tamén un procedemento de acrecentamento lexical:
- VICUS TŬSCUS, barrio etrusco de Roma, dá lugar a TŬSCUS, xente libertina quen vivía en dito lugar, > tosco.
- gal. caolín, fr. Kaolin proceden do topónimo chinés Kao Ling.
- Ribeiro (viño) procede do topónimo da comarca en que se produce.
[editar] Fontes
Moralejo Lasso, Abelardo, Toponimia Gallega y Leonesa.1977 - ISBN 84 85170 20 2
Millán González-Pardo,Isidoro, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz. 1987 - ISBN 84 86040 27 2
Piel, Joseph-Maria, Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. 1989