Treboniano Galo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Treboniano Galo naceu en Termi (Umbria), descendente dunha familia etrusca, no ano 205. Foi emperador romano baixo o nome de Caius Vibius Trebonianus Gallus dende os anos 251 ao 253.
[editar] A súa elección
Treboniano Galo foi un leal seguidor do Emperador Decio, a pesar de que á morte deste, algúns historiadores acúsano de levar as tropas do emperador a unha emboscada a unha zona pantanosa, onde morreu el e o seu fillo, pero o certo é que pola súa conduta con respecto ao fillo do emperador parece que non é doado manter esa acusación.
A morte do emperador Decio, levou as tropas a elixilo como o candidato a púrpura. Aceptando, tratou de conseguir a paz dun xeito ignominioso para as armas romanas, xa que aceptou que os godos quedasen con todo o botín, incluíndo os cativos da guerra, se se retiraban das terras e aceptou tamén o pago dunha cantidade de ouro cada ano. Este tratado non o fixo moi popular entre o pobo romano nin diante das tropas e abriu as portas para novas invasións bárbaras.
Unha vez conseguido o Tratado volveu rapidamente a Roma onde moraba o fillo vivo de Decio, quen fora nomeado césar polo seu pai e polo tanto estaba unido ao trono imperial.
Treboniano Galo acepta gobernar conxuntamente con Hostiliano Mesio Quinto e incluso lle renovou o poder de augustus. Tamén nomeou césar ao seu fillo Caio Vibio Volusiano, quen máis tarde chegaría a ser emperador.
Nese mesmo ano do 251 estala unha terrible peste, unha das que de cando en vez asolaba o imperio. Vítima desta peste morre o xove emperador Hostiliano e moitos romanos bótanlle a culpa desta morte, aínda que sen motivo ningún.
No 253 de novo os godos atacan o imperio pero o gobernador da provincia de Mesia (ou Moesia) Emiliano derrótaos e este é proclamado emperador polas lexións.
Treboniano Galo convoca a Valeriano, que era comandante das forzas do Rin, e xunto co seu fillo Volusiano parte de Roma. Pero antes de que consiga xuntarse con Valeriano atópase con Emiliano, sendo derrotado por este. Deuse á fuga, tanto Galo como Volusiano, pero son asasinados polos seus propios soldados.
Emiliano queda entón como único emperador a finais do 253.
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Decio |
Treboniano Galo (251-253) |
Precede a: Emiliano |
Crise do Seculo III |