Benito Soto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Benito Soto Aboal (nado na Moureira, Pontevedra, o 22 de marzo de 1805 e falecido en Cádiz ou en Xibraltar entre 1830 e 1833, foi un pirata galego con sona de acadar grandes cotas de crueldade. Moitos datos da súa biografía son confusos, e existen fontes contraditorias sobre eles.
[editar] O comezo da vida de pirata
Fillo dun mariñeiro pontevedrés, fíxose de moi novo ao mar, e suponse que cruzou o Atlántico xa sendo un neno. O 22 de novembro de 1827 sae do porto brasileiro do Río de Xaneiro como tripulante do bergantín escravista O Defensor de Pedro. Outras fontes sinalan este feito en 1823. Ás poucas xornadas de viaxe estoura un motín a bordo e a tripulación, dirixida por Benito Soto, asasina o capitán. Outras fontes apuntan a que non o asasinou, senón que o deixou en porto na Costa de Guinea.
[editar] As fazañas
Os datos sobre a súa vida dedicada á pirataría son confusos. Todos coinciden en que o barco máis importante de todos os asaltados por Soto foi o británico 'Morning Star', que viña cargado de ouro e riquezas cubrindo a rota entre Ceilán e Inglaterra, pero as versións difiren sobre se foi co que iniciou a carreira de ouro e sangue ou se foi co que a rematou.
Se facemos caso de quen sitúa o asalto o 21 de febreiro de 1832 nas costas do occidente africano, sería probabelmente o último. Outros entenden que o asalto se produciu ao norte de Fisterra, en 1828. Outros porén, sitúano ao comezo da súa traxectoria, contra 1824. Nesta segunda hipótese continuarían abordando a fragata norteamericana Topaz que proviña de Calcuta, onde saquearon, mataron a parte da pasaxe e incendiaron a nave. Daquela poría proa ás illas de Cabo Verde, onde abordaron un segundo bergantín inglés, que tamén afundiron e oito días despois, preto das Canarias asaltaron a fragata inglesa Sumbury, que viaxaba a Saint Thomas, e aniquilaron a tripulación. Nos Azores De Soto abordou de maneira sanguenta un buque portugués procedente do Río de Xaneiro e despois o tamén portugués Cessnok e o bergantín inglés New Prospect.
En todo caso, parece claro que a súa zona de operación sería o espazo de Océano Atlántico comprendido entre o Golfo de Guinea, as costas de Brasil e a fachada atlántica da península Ibérica. Esta era unha área cun importante tráfico económico, en parte debido ao transporte e comercialización de escravos negros, dos que se beneficiaban Portugal, España e Francia, pero que o Reino Unido abandonara en 1807, e en parte debido ao comercio de ouro, especies e outros materiais máis ou menos de luxo coa India e os países do sueste asiático.
O barco de Benito Soto mudou o seu nome polo de A Burla Negra, probabelmente ao comezo da súa traxectoria, logo do motín. Pero tampouco neste caso a data está clara. O seu segundo no mando chamábase Víctor Barbazán.
[editar] Apreixamento e morte
Independentemente de se viñan de asaltar o Morning Star ou outro barco, e independentemente de se atracaron na Coruña para vender mercadorías, se baixaron navegando pola costa galega e portuguesa ou se procedían das Canarias, nun momento que podemos situar ou a finais de 1829 ou en marzo de 1832 achégase á entrada do mar Mediterráneo.
Alí confundiron o faro de Tarifa co faro do Castelo de San Sebastián ou co da Isla de León e comezaron a manobra de viraxe demasiado cedo. A Burla Negra naufraga así a dúas millas da baía de Cádiz, e perde a carga no accidente. A xustiza española prende entón a gran parte da tripulación e afórcaa, pero Benito Soto lisca e refúxiase en Xibraltar.
Aí, ben porque algún sobrevivinte da tripulación do Morning Star o descobre (bastante improbábel), ou por calquera outra razón, é apreixado polas autoridades británicas. Unhas fontes apuntan a que foi xulgado e condeado en Xibraltar polos delitos de 10 asaltos e 75 asasinatos comprobados. Desta forma, sería axustizado na forca o 25 de xaneiro de 1830. Outras, porén, sinalan que o gobernador do penedo, sir George Don, o entregou ás autoridades españolas, e que foi xulgado e condenado á forca en Cádiz, e executado no porto, no que hoxe é a praza de San Juan de Dios.
O seu berro de despedida sería Adeus todos!. Cortaríanlle posteriormente a cabeza e poríana nun espeto para advertencia dos demais.