Bratislava
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Mapa | |
---|---|
Información | |
País | Eslovaquia |
Rexión | Rexión de Bratislava |
Superficie | 367.59 km2 |
Poboación | 446.819 (2005) |
www.bratislava.sk/en Páxina Oficial |
Bratislava (ata 1919: Prešporok en eslovaco, Pressburg en alemán, Pozsony en húngaro, Požun en croata) é a capital e maior cidade de Eslovaquia. Conta con aproximadamente 446.819 habitantes (2005) e está situada á beira do Danubio, preto das fronteiras con Austria e Hungría. Áchase a uns 60 km de Veña, o que converte a estas cidades nas capitais de país máis próximas do mundo.
A cidade ten a maior densidade de poboación de Europa central. Os montes Cárpatos comezan no territorio ocupado pola cidade (Malé Karpaty, "Pequenos Cárpatos"). Bratislava é a sé do parlamento e goberno eslovacos e conta cunha gran oferta artística, cultural e educativa. Nos últimos anos está sufrindo unha gran trasformación, tanto a nivel de recuperación de edificios emblemáticos, como é a mellora das deterioradas infraestruturas herdadas do antigo réxime comunista. A zona máis interesante dende o punto de vista monumental e artístico é a cidade vella, colorista e acolledora, onde se pode gozar dunha gran variedade de comercios e servizos, aínda que os prezos son sensiblemente superiores a outras zonas da cidade, e por suposto duplican ou triplican os do interior do país. Mención especial merece tamén o porto fluvial, onde se poden ver barcos mercantes e unha grande actividade.
O Castelo de Bratislava foi erixido no século XV durante o reino de Sigmundo Luxemburgo (Zigmund Luxenbourg). En 1811, un incendio destruíu o castelo, así como gran parte do caserío contiguo, logo do cal se realizou unha reconstrución gradual. Actualmente, o castelo alberga o Museo Nacional Eslovaco, que abrangue exhibicións arqueolóxicas, históricas e artísticas.
Tradicionalmente, a cidade foi influída por varias nacións e como é común en antigas cidades do Imperio Austrohúngaro, tivo o nome Prešporok (Presburgo ) ata a fin da Primeira Guerra Mundial. (Pressburg en alemán e Pozsony en húngaro son aínda nomes oficiais recoñecidos)
[editar] Historia
Fundada antes do século X, antigamente era coñecida como Presburgo. No século XII foi fortificada, co que gañou importancia estratéxica, e entre 1541 e 1784 converteuse na capital de Hungría.
En 1805, no transcurso das Guerras Napoleónicas, despois do triunfo na batalla de Austerlitz, Napoleón obrigou ó emperador austríaco Francisco II a asina-lo Tratado de Presburgo, polo que Venecia pasaba a mans francesas. O Congreso de Veña, en 1815, deixaba a cidade dentro do Imperio Austríaco. Tralo compromiso de 1867, Bratislava, xunto ó resto de Eslovaquia, formaría parte do Reino de Hungría, dentro do Imperio Austrohúngaro ata 1918.
Coa creación de Checoslovaquia en 1919, ó termo de I Guerra Mundial, pasou a chamarse Bratislava e converteuse na capital da provincia de Eslovaquia. Dita provincia, xunto coas restantes de Checoslovaquia, foron suprimidas en xaneiro de 1949, polo que a cidade pasou a ser unicamente a capital da recentemente creada rexión de Bratislava.
Eliminada tamén esta rexión en 1960, o 1 de xaneiro de 1993 converteuse na capital da independente República de Eslovaquia.
A cidade aínda hoxe conserva o seu espirito multicultural e nela teñen lugar numerosos festivais e mercadiños , tamén e coñecida pola súa vida noturna. Andrej Ďurkovský é o seu alcalde.
[editar] División territorial
Bratislava divídese en:
- 5 distritos:
- Bratislava I (centro)
- Bratislava II (leste e sueste)
- Bratislava III (norte e nordeste)
- Bratislava IV (oeste)
- Bratislava V (marxe esquerda e sur)
- 17 barrios, e
- 20 "áreas catastrais", que coinciden cos barrios, agás:
- Novei Mesto, que se subdivide en Novei Mesto + Vinohrady, e
- Ružinov, que se subdivide en Ružinov + Nivy + Trnávka.