Canguro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Canguro | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() |
||||||||||||||||
Clasificación científica | ||||||||||||||||
|
||||||||||||||||
Nome científico | ||||||||||||||||
Macropus rufus Macropus giganteus Macropus fuliginosus |
||||||||||||||||
![]() |
Co nome xeral de canguro denomínanse aos exemplares da grande familia dos macrópodos, que abrangue, ademais; os wallabys, o canguro arborícola, os wallaroos, pademelons, e os quokka; o cal supón máis de 63 especies.
Os canguros son endémicos do continente de Australia, asemade, os canguros arborícolas viven tanto en Australia coma en Nova Guinea.
Índice |
[editar] Terminoloxía
A palabra canguro deriva gangurru, unha palabra da lingua Guugu Yimidhirr, falada polos nativos de Australia. Con este termo desígnase a unha especie de canguro gris.
É falsa a crenza que se ten, de que a palabra gangurru foi empregada polos nativos australianos, co significado de "non entendo", cando os europeos tentaron comunicarse con eles. Na variedade de inglés que se fala en Australia existen distintos termos para se referir aos canguros, por exemplo; as palabras buck, boomer e jack, empréganse para os animais macho; para as femias, doe, flyer e jill; e a cría do canguro é chamado joey. Ademais, como nomes colectivos existen en inglés as seguintes formas; mob ("multitude), troop ("compañía" ou "tropas"), e court ("corte"). Coloquialmente tamén se coñecen como roos (singular "roo"), o cal é un "clipping" da palabra orixinal kangaroo, quedando reducida tan só a roo.
[editar] Principais tipos de especies
O canguro vermello (Macropus rufus) é o marsupial vivo de maior tamaño que existe no mundo, malia que o número de exemplares é menor ca noutras especies de canguros. Vive nas rexións áridas e semi-áridas do continente australiano. Un macho grande pode chegar a medir 2 metros e pesar 90 kg.
O canguro gris oriental (Macropus giganteus), fóra de Australia é menos coñecido que o anterior, pero resulta máis doado velo na natureza, xa que o seu hábitat abrangue toda a fértil rexión oriental do país.
O canguro gris occidental (Macropus fuliginosus) é algo máis pequeno que o oriental, un macho grande pode acadar os 54 kg. Pódese atopar na zona sur da rexión occidental do país, no sur de Australia, e na cunca do río Darling.
Á parte destas tres especies principais, existen outras 60 especies de animais que están intimamente vencelladas aos canguros dentro da familia dos Macropodidae.
[editar] Xéneros prehistóricos
Procoptodon.
Sthenurus "Cola dura".
Propleopus, canguro carnívoro que viviu durante os períodos do plioceno e pleistoceno (ex: canguro rata xigante).
Simosthenurus, canguros herbívoros que se alimentaban de follas.
[editar] Descrición física
Durante moito tempo os canguros foron considerados como animais estraños. Os primeiros exploradores ao describilos dicían que as súas cabezas eran coma as dos cervos, pero sen cornos; poñíanse de pé coma o home, e saltaban coma as ras. Todo isto, xunto coa apariencia das femias coa súa cría, coma seres de dúas cabezas, fixo que os exploradores non falasen destas criaturas nas súas narracións cando retornaban aos seus fogares.
Os canguros posúen unhas patas traseiras longas e poderosas, uns pés longos para brincar, unha longa cola que os axuda co seu equilibrio, e unha cabeza pequena. Os canguros, coma todos os marsupiais, teñen unha bolsa, coñecida coma marsupio ou bolsa marsupial, na cal a cría se desenvolve despois de que teña lugar o parto.
Os canguros son os únicos animais grandes que empregan os brincos para se desprazar. A velocidade á que adoiten brincar os canguros vermellos é duns 20-25 km/h, podendo chegar a brincar ata a 70 km/h nas distancias curtas.
Este eficiente método de transporte, a nivel de velocidade e enerxía, non se desenvolveu para a protección contra os depredadores, senón, para que poder cubrir longas distanzas na procura de comida e auga.
A diferenza doutros mamíferos, o escroto dos canguros (o cal os machos teñen en lugar do marsupio) atópase afastado do pene, case no medio do ventre. En épocas en que vai moita calor pode verse como os animais teñen o escroto baixado para protexer os testículos da calor, e subido cando se moven.
Os canguros viven un promedio de 9 a 18 anos, algúns exemplares ata os 28.
[editar] Dieta
Os canguros son grandes herbívoros que se alimentan de herba, raíces, e son rumiantes. Todas as especies son nocturnas e crepusculares; normalmente pasan o día lacazaneando e, á tardiña, á noite, e á mañá, pasan o tempo desprazándose e alimentándose, normalmente en grupo.
[editar] Depredadores
Os canguros teñen poucos depredadores naturais. Segundo os paleontólogos, o tigre de Tasmania foi o maior depredador natural que tiveron os canguros, mais hoxe en día están extintos. Porén coa chegada do home á illa fai polo menos 50.000 anos, e coa introdución do dingo fai 5.000 anos, os canguros tivéronse que adaptar a estes depredadores. O mero ladrido dun dingo pode facer que un canguro adulto se poña histérico. As aguias de ás cuneiformes poden ser depredadores oportunistas, que poden cazar canguros novos; podendo chegar a ferir e, incluso matar a un canguro adulto (incluso a un canguro vermello adulto), pero só cando as aguias non dispoñen doutras fontes para se alimentar. Estas aguias e outros animais, normalmente se alimentan de canguros que xa estaban mortos. As goannas (parentes dos varanos) e outras especies de réptiles carnívoros poden supor perigo para algunhas das especies de canguros de menor tamaño, pero só cando escasean outras fontes.
Á parte dos dingos e outros cánidos, algunhas especies introducidas polo home coma os raposos e os gatos asilvestrados tamén supoñen un perigo para os canguros. Os canguros e os wallabys son bos nadadores, a miúdo foxen meténdose na auga se teñen ocación. Se se ve perseguido na auga, un canguro grande podería empregar as súas patas dianteiras (as mans/gadoupas) para manter ao seu depredador baixo a auga para afogalo. Outra técnica defensiva contada por testemuñas, consiste en que un canguro para defenderse, pode coller ao can que o está acosando coas patas dianteiras, mentres lle saca as entrañas coas poutas das patas traseiras.
[editar] Vida social
Os grupos ou mandas de canguros poden estar compostos por uns 10 machos e femias, ou máis. O macho dominante (chamado boomer) ten unhas características de tamaño e idade determinantes. Un macho ten acceso temporal ás femias do grupo para copular con elas. Os machos adoitan a controlar as femias da manda e a intimidar aos outros machos da manda para que non se apareen con elas.
Na maioría de especies de canguros, o cortexo conleva que o macho examine a cloaca das femias. Os machos a miúdo son rexeitados polas femias por seren de menor tamaño, pero no caso dos machos grandes, as femias, poden simplemente afastarse del. É bastante corrente que a femia ouriñe cando está a ser examinada por un macho. O macho cheira os ouriños repetidas veces ata que está satisfeito e procede a efectuar a cópula. Estudos científicos concluíron que este ritual que levan a cabos os machos, sérvelles para saber cando unha femia lles é receptiva.
O macho excitado segue á femia receptiva, que sobe a súa cola. Pode ter lugar un xogo que preceda á cópula, no cal o macho e a femia frotan as súas colas. Unha cola arqueada é síntoma de que un membro da parella, ou os dous, están preparados para o apareamento. Ás veces, pode verse como o macho frota as costas da femia antes de se aparearen.
[editar] Adaptacións
Os canguros contan cun número de adaptacións que desenvolveron para poder facer fronte á vida nun continente seco, pouco fértil e cun clima altamente variable. Como acontece no resto de marsupiais, as crías nacen nunha fase temperá do desenvolvemento tras unha xestación de 31 a 36 días. Neste momento só os membros anteriores están algo desenvolvidos para permitir ao recén nacido subir ata a bolsa marsupial e agarrarse a un teto. Realizando unha comparación, un embrión humano nunha fase de desenvolvemento semellante, estaría nunhas 7 semanas, e os bebés prematuros con menos de 23 semanas de xestación non soen estar o suficientemente desenvolvidos como para poderen sobrevivir.
A cría fica no marsupio arredor de 9 meses, antes de que comece a saír da bolsa por breves espazos de tempo; e é alimentado pola súa nai ata unha idade de 18 meses.
Unha femia de canguro está permanentemente empreñada, excepto no día no que pare; porén pode conxelar o desenvolvemento dun embrión ata que a cría anterior estea preparada para saír do marsupio; isto coñécese co nome de diapausa, e ten lugar en períodos de secas e escasa dispoñibilidade de alimento. A composición do leite que producen os canguros femias varía en función das necesidades da cría; incluso pode producir dous tipos de leite distintos, un para o recén nado e outro para a cría anterior.
Os canguros e os wallabys contan con tendóns longos e elásticos nas súas patas traseiras, desenvolvidos para permitirlles brincar. Almacean enerxía elástica nos tendóns das súas patas traseiras, proporcionando a enerxía necesaria para un salto, grazas á acción dos tendóns no canto de esforzo muscular. Isto acontece en todos os animais que teñen os músculos conectados ao esquelete a través de elementos elásticos coma os tendóns, pero no caso dos canguros o efecto vese máis pronunciado.
Tamén existe unha conexión entre a acción de chimpar e respirar; cando os pés se despegan da terra, o aire é expulsado dende os pulmóns; o movemento que fai o canguro cos pés cara adiante para aterrar, permítelle voltar encher os pulmóns, proporcionándolle unha maior economización enerxética. Estudos feitos con canguros e wallabys demostraron que, máis alá da cantidade de enerxía requerida para dar os chimpos, o aumento da velocidade case non supón un aumento do esforzo, cousa que non acontece con outros animais; coma cabalos, cans e co home. Para os canguros, o maior beneficio dos chimpos non é escapar dos seus depredadores (a velocidade máxima que pode acadar un canguro é similar á que pode acadar outro cuadrúpedo do seu tamaño), e os depredadores orixinarios de Australia non supoñen un risco tan grande coma outros que proveñen doutros continentes; senón a economización da súa enerxía: nun continente infértil cun clima altamente variable, e a capacidade para percorrer longas distancias na busca de alimento, o cal é imprescindible para a súa supervivencia.
En 2004 comezou un proxecto de colaboración entre Australia (especialmente pagado polo estado de Victoria) e os Institutos Nacionais de Saúde dos Estados Unidos para a secuenciación do xenoma dos canguros. O xenoma dun marsupial coma o canguro é de grande interese para os científicos que realizan estudos comparativos de xenómica, dado que os marsupiais se atopan nun estado ideal de diverxencia evolutiva dos homes: os ratos atópanse demasiado preto e non desenvolveron funcións moi diferentes, mentres que as aves son xeneticamente remotas. A industria dos lácteos tamén ten expresado algún interese por este proxecto.
[editar] Cegueira nos canguros
Os trastornos e as pataloxías nos ollos non son habituais nos canguros. O primeiro informe de cegueira nos canguros data de 1994 dunha rexión no centro de Nova Gales do Sur. Ao ano seguinte, publicáronse outros informes de cegueira en canguros en Victoria e Australia do Sur. En 1996 a enfermidade xa se extendera ata Australia occidental, a través do deserto. As autoridades australianas eran conscientes de que a enfermidade se podería transmitir posiblemente a outros animais e aos humanos. Investigacións nos Laboratorios Australianos de Saúde Animal, en Geelong, detectaron o virus chamado Wallal en dúas especies de mosquitos, os cales se cre eran os portadores do virus. Os veterinarios tamén descubriron que menos do 3% dos canguros expostos aos virus desenvolvían a enfermidade.