Couto Mixto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Coñecíase como Couto Mixto (Couto Misto en portugués) a un antigo territorio autonómo que se asentaba entre os actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar, ao sur da provincia de Ourense. Ata o Tratado de Lisboa de 1868 cada veciño elexía libremente a nacionalidade española ou portuguesa.
O Couto Mixto estaba constituído polos lugares actuais de Santiago, Rubiás e Meaus, tendo unha superficie aproximada de 27 km2. Na actualidade o lugar de Santiago e Rubiás pertencen ó Concello de Calvos de Randín, mentres o de Meaus pertence a Baltar. A poboación, en opinión de Madoz no ano 1845, podía cifrarse en 200 veciños, equivalentes a uns 800-900 habitantes.
Aínda que historicamente non existen documentos que acrediten a orixe da institución (disque foi queimada polo exército do mariscal Soult en 1809), sábese que o Couto naceu ligado ó Castelo da Piconha, vencellado co tempo á Casa de Bragança, na Baixa Idade Media (século XII). En 1518, por causa dos enfrontamentos entre as xentes de Barroso e Randín, os habitantes do Couto procuraron apoio no Conde de Lemos, que se mantería até o fin do Couto.
En 1819 asinouse, no adro da Igrexa de Santiago, un documento no que se recoñecían os privilexios do Couto e se ligaba á Casa de Bragança e á diócese de Ourense. En 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os limites entre os dous estados. En 1864 asínase o Tratado de Límites e España entrega a Portugal os tres Pobos Promíscuos (Soutelinho da Raia, Lama de Arcos e Tourém) a cambio dos que constituían o Couto Mixto. Na acta final de fixación de fronteira, asinada en 1906, recoñécense terreos de pasto mixto, entre os marcos 130 e 137, de aproveitamento común.
A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, desvencellada das coroas portuguesa e española.
Entre os dereitos e privilexios máis representativos sinálanse o de asilo (para os fuxidos da xustiza hispana e lusa), o de non dar soldados, a isención de impostos, a liberdade de comercio, (como o sal, produto estanco ata 1868), liberdade de cultivos como o tabaco e outros máis. Para exercitar ditos privilexios, no tocante ó comercial, dispuñan dun camiño inmune a acción dos gardas da fronteira. Este camiño comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourém, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros.
O arquivo e os selos do Couto Mixto gardábanse nunha arca de madeira custodiada na Igrexa de Santiago. Fechábase con tres chaves, gardada cada unha por un dos tres Povos e das cais o xuiz gardaba unha. Para abrila debíanse reunir doce homes máis os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por pobo. A arca actual, restaurada, conserva desde 1989 documentación referente á recuperación da memoria e mantense a tradición das tres chaves.