Diglosia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Diglosia provén do grego δίγλωσσος, "de dúas linguas" e é a distribución dunha ou máis variedades lingüísticas que, dentro dunha comunidade (linguas en contacto), por mor dun desigual reparto de usos, cumpren unhas funcións distintas e empréganse en situacións e contextos diferentes.
As situacións posibles atendendo ó concepto de diglosia son:
- Bilingüismo e diglosia.
- Diglosia sen bilingüismo: As dúas linguas compiten nos mesmos dominios. Unha delas acaba desaparecendo.
- Bilingüismo sen diglosia: (Fishman, 1980). Bélxica, Canadá, Suíza. Áreas monolingües, linguas protexidas polas institucións.
- Nin bilingüismo nin diglosia.
[editar] Evolución do termo
Tras reparar en que, a miúdo, os falantes dan en empregar unhas variedades lingüísticas ou outras segundo a situación en que se achen, Ferguson denominou diglosia á relación lingüística, ás veces conflitiva, que se establece entre esas variedades.
Fishman fai unha definición máis ampla nun estudo posterior, observa que a diglosia non equivale a bilingüismo e expresa que o termo pode referir as sociedades multilingües, aquelas que empregan unha lingua vernácula e outra clásica e mesmo a calquera sociedade na cal se empreguen dialectos ou variedades funcionalmente diferentes.
[editar] Tipos
A diglosia pode ser de dous tipos:
- Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua (en Marrocos o árabe clásico é a lingua oficial, mentres que o árabe magrebí se reserva para usos coloquiais).
- Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes (galego e castelán en Galicia).
[editar] A realidade galega
Os estudos sobre a realidade lingüística galega coinciden en sinalar que a situación presente en Galicia é de diglosia sen bilingüismo de xeito que os ámbitos sociais de uso para cada unha das linguas son diferentes pois se emprega o galego para as funcións de menor prestixio social, deixando o castelán para representar os usos formais, aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio. Ademais tamén son diferentes os espazos xeográficos ó empregarse o galego no rural e nos alfoces das cidades, e o castelán nos núcleos das zonas urbanas. Por último, os interlocutores varían segundo o contexto requira un rexistro máis coloquial ou elevado entre unha lingua ou outra