Grego micénico
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Historia da lingua grega (ver tamén: alfabeto grego) |
Protogrego (c. –2000)
|
Micénico (c. -1600–-1100)
|
Grego antigo (c. –800–-300) Dialectos: Eolio, Arcadochipriota, Ático, Dórico, Macedonio, Xónico |
Koiné (desde c. -300)
|
Grego bizantino (c. -330–1453)
|
Grego moderno (desde 1453) Dialectos: Capadocio, Chipriota, Demótico, Griko, Katharevousa, Póntico, Tsakonio, Ievánico |
O micénico é a máis antiga forma coñecida da lingua grega, falada na Grecia continental e en Creta nos séculos -XVI a -XI, antes da invasión doria. Consérvase en inscricións en Lineal B, unha escrita inventada en Creta polo século -XIV. A maior parte dos exemplos desta escrita están en taboíñas de arxila atopadas en Knossos e en Pilos. A lingua recebe o nome de Micenas, o primeiro dos palacios que se excavou.
As taboíñas permaneceron moito tempo sen descifrar, propoñéndose todas as linguas concebibles como a que subxacía nelas, ata que Michael Ventris descifrou a escrita en 1952 e probou máis aló de toda dúbida que a lingua era unha forma antiga do grego.
A maioría dos textos das taboíñas son listas e inventarios. Non hai ningún texto narrativo e menos poético. Sen embargo estas listas botan moita luz sobre o pobo que as escribiu e sobre o período micénico, ás vésperas da denominada Idade Escura de Grecia.
Índice |
[editar] Fonoloxía e ortografía
A lingua micénica consérvase no sistema de escritura Lineal B, que consiste en aproximadamente 200 signos silábicos e logogramas. Como o Lineal B deriva do Lineal A (sistema de escritura dunha lingua non descifrada da época minoica sen relación probablemente co grego) esta escrita non reflicte plenamente a fonética do micénico: os grupos consonánticos non se escriben completos, xa que os signos de consoantes teñen todos a estutura consoante-vocal, e r e l non se distinguen, nin é posíbel distinguir as categorías fonolóxicas gregas de xorda/sonora (agás nas dentais d e t) e aspirada/non aspirada; l, m, n, r, s finais de sílaba non se escriben.
A escrita distingue cinco timbres vocálicos, a, e, i, o, u, as semivogais w e j (tamén transcrita como y), tres líquidas, m, n, r e sete oclusivas, d, k, p, q, s, t, z (esta última debe representar un grupo consonántico zd correspondente á Dzeta).
Así *khrusos, "ouro" aparece escrito cos signos ku-ru-so, e *gwous, "vaca" cos signos qo-u.
A forma micénica do grego mantén un número de trazos arcaicos de herdanza indoeuropea , como as consoantes labiovelares que sufriran distintos cambios fonéticos dependendo do contexto cando o grego reapareceu escrito en forma alfabética varios séculos despois.
[editar] Corpus
O corpus micénico consiste en cerca de 6000 taboíñas, que poden verse incrementadas en futuros achados. As taboíñas clasifícanse segundo o lugar onde foron atopadas.
- KN Knossos: ca. 4360 taboíñas
- PY Pilos : 1087 taboíñas
- TH Tebas (micénico /Tegway/): 99 taboíñas+ 238 publicadas en 2002.
- MY Micenas: 73 taboíñas
- TI Tirinto: 27 taboíñas.
- KH Khania: 4 taboíñas
- outras 170 inscricións en Lineal B atopáronse en xerras.
A inscrición micénica máis antiga coñecida, e polo tanto o testemuño máis antigo da lingua grega é o seixo de Kaftania descuberto en 1994, que data do século XVII a.C.. O seixo leva unha inscrición con oito signos silábicos, a-so-na / qo-ro-qa / qa-jo así como a imaxe do dobre machado.
[editar] Referencias
- Chadwick, John: The Decipherment of Linear B, Second edition (1990). Cambridge UP, 1958, ISBN 0521398304
- Chadwick, John: The Mycenaean World, Cambridge UP,1976, ISBN 0521290376
- Ventris, Michael, "Evidence for Greek dialect in the Mycenaean archives", in Journal of Hellenic Studies, LXXVII (1953), pp. 84ss.
- Ventris, Michael e Chadwick, John: Documents in Mycenaean Greek, Second edition (1974). Cambridge UP, 1956, ISBN 0521085586