José López Bouza
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
José López Bouza (Ferrol, febreiro de 1890 - Ferrol, 30 de agosto de 1936) foi un político republicano galego que desenvolveu a súa carreira política no ámbito galego e morreu asasinado polos sublevados pouco despois de comezar a Guerra Civil.
López Bouza naceu na localidade galega de Ferrol. Ao alcanzar a maioría de idade emigrou a Arxentina, lugar tradicional de destino da emigración galega, onde se vinculou ao anarcosindicalismo, e sendo expulsado en outubro de 1911. Tralo seu retorno a Galicia, conseguiu un posto de traballo como funcionario municipal na súa localidade natal, á vez que continuaba coa súa militancia anarquista. Así, foi un dos máximos impulsores do Ateneo Obrero Sindicalista e da Comisión Pro Enseñanza Racionalista ferrolá, e un dos impulsores do Congreso Internacional da Paz, convocado a comezos de 1915 para reunir a socialistas, sindicalistas, anarquistas e sociedades obreiras de todo o mundo para terminar a Primeira Guerra Mundial[1]. Foi detido varias veces polas súas actividades sindicalistas. Con todo, uns anos despois, cara a 1918, evolucionaría ao republicanismo de centro. Fundou unha escola en Canido, un barrio obreiro de Ferrol, á que acudían tanto pícaros como persoas maiores de toda a comarca ferrolá. A escola seguiu en funcionamento ata ben entrada a década de 1920[2].
Membro da ORGA, coa proclamación da República (foi a persoa que izou a bandeira republicana no concello de Ferrol) foi gobernador civil de Ourense e Lugo entre 1931 e 1932[3].
Presidente da ORGA en Ferrol, e posteriormente de Izquierda Republicana, tralo triunfo do Frente Popular en febreiro de 1936, foi nomeado presidente da Diputación Provincial da Coruña (23 de marzo de 1936) e concelleiro de Ferrol. Tamén participou na campaña para a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1936), e trala súa aprobación foi elixido presidente do Comité central de Autonomía de Galicia, que viaxou a Madrid no verán de 1936 a presentar o Estatuto ás Cortes Españolas. Ao producirse a sublevación militar do 18 de xullo de 1936, López Bouza, rexeitando os consellos de Castelao, decidiu volver á cidade, participando na defensa do concello contra os sublevados (20 de xullo). Trala rendición do edificio foi detido e xulgado, sendo condenado a cadea perpetua e trasladado ao buque prisión Plus ultra. Sen embargo, foi sacado do buque e fusilado en Canido o 30 de agosto de 1936, xunto a outras 18 persoas.
[editar] Referencias
- ↑ O Congreso Internacional da Paz de Ferrol
- ↑ A Escola Racionalista de Ferrol (1933-1936), de Eliseo Fernández (Ateneo Libertario Francisco Iturralde, Ferrol)
- ↑ Reseña do libro Do anarquismo ao republicanismo. José López Bouza e o seu fillo o pintor José López Fernández, de Eliseo Fernández, na colección Documentos de Ediciós do Castro, ISBN 84-8485-069-2
[editar] Ligazóns externas
- A asociación López Bouza presentarase cunha mostra sobre a autonomía do 36, artigo de La Voz de Galicia, 30 de decembro de 2006.
- Guerra Civil e represión en Ferro e comarca, de Xosé Manuel Suárez Martínez.