Mosteiro de San Salvador de Celanova
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
San Salvador de Celanova é un mosteiro beneditino fundado por San Rosendo a mediados do século IX en Celanova.
Índice |
[editar] Situación.
O Mosteiro de San Salvador sitúase no concello de Celanova, no centro da mesma localidade pertencente a Comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense.
[editar] Historia.
Arredor do ano 937, San Rosendo construíu un cenobio na aldea de Vilar, nuns terreos propiedade do seu irmán, o conde Froila Gutiérrez. San Rosendo foi bispo de Mondoñedo e de Iria, e Ordoño III nomeouno vicerrei de Galiza, mais retirouse ao pouco a este cenobio, onde foi o seu segundo abade até a súa morte o 1 de marzo de 977. O seu primeiro abade foi Franquila, que fora fundador do Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil. Trala súa morte no ano 955 sucedeuno no cargo San Rosendo.
Foi bendecida o 25 de setembro do ano 942. Atrás quedaban cinco anos de traballos.
O lugar medrou arredor do mosteiro e acabaríase convertendo na actual Celanova. O abade ostentaba, entre outros, os títulos de conde de Bande e marqués de Torre de Sande, nomeaba xuíces e alcaldes en máis de 50 localidades e tiña asento reservado na catedral de Ourense.
Após un periodo de decadencia, en 1506 sumouse á Congregación de San Bieito de Valladolid, co que recuperou certo esplendor, mais no século XIX foi exclaustrado. A igrexa converteuse na parroquia de San Breixo e o mosteiro funcionou como cárcere, cuartel, escola e vivenda particular.
[editar] Descrición
[editar] A Capela de San Miguel
Da época da fundación só resta, na horta, unha pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Ergueuna San Rosendo como oratorio dedicado ao seu irmán. Ocupa vintedous metros cuadrados e mide seis de altura. A nave é de planta rectangular; o cruceiro está coberto por unha bóveda de arista e a ábsida é circular no interior e cuadrada no exterior. Os tres espazos sepáranse mediante arcos de ferradura.
[editar] As fachadas
As fachadas principais do mosteiro e da igrexa están en liña, cando o habitual é que se coloquen en ángulo recto. Dan para a Praza Maior, na que se colocou unha fonte procedente do claustro das Procesións, onde se erguera en 1580 imitando a fonte da Ferraría de Pontevedra.
A fachada principal do mosteiro conta cunha portada na direita. Nela, o primeiro corpo ocúpao unha porta adintelada flanqueada por dous pares de columnas de capiteis dóricos, o segundo unha porta acristalada con tímpano e un balcón con varanda de ferro forxado e o terceiro un frontón curvo cun escudo.
[editar] A igrexa
A portada da igrexa, barroca, foi rematada en 1653, ainda que sufriu algunhas modificacións no século seguinte. A porta principal está presidida por San Bieito, flanqueado por San Torcuato e San Rosendo, colocados estes últimos entre dous pares de columnas con capiteis corintios; San Bieito ten unha pedra na man. No corpo intermedio hai un ventanal moi grande e o superior culmínase cunha peineta co escudo abacial, rodeado por oito pináculos barrocos.
A planta da igrexa é de cruz latina con tres naves e foi deseñada por Melchor de Velasco en 1601. A nave central cóbrese cun artesoado pétreo. Unha balconada percorre todo o beirado, que se apoia sobre grandes pilastras. O retablo barroco da capela maior é de 1697 e foi obra de Francisco de Castro Canseco. O templo conta tamén cunha sillaría plateresca de finais do XV no coro alto, adornado con figuras de misericordias, algunhas delas choqueiras ou procaces. O coro baixo, de principios do XVII, é obra tamén de Francisco de Castro Canseco. Conta con 38 cadeiras na altura superior e 28 na inferior; nos respaldos están tallados santos da Orde Beneditina (nos superiores) e cenas da vida do mosteiro (nos inferiores).
[editar] Os claustros
No interior hai dous claustros:
O claustro Vello ou claustro das Procesións ten planta cadrada e é obra de Frei Juan de Badajoz. O seu corpo inferior, de estilo renacentista, apóiase sobre vintecatro arcos semicirculares e está coberto por bóvedas de crucería no desenvolvemento e por bóvedas estreladas nas esquinas. O corpo superior, barroco, foi remodelado no XVIII. As ménsulas nas que pousan as nervaturas da bóvedas decóranse con bustos de Carlos V, Filipe II, Xoán de Austria e outros.
O claustro Novo ou do Poleiro, neoclásico, foi construído a finais do XVII ou comezos do XVIII e conta cun grande balcón corrido, ao que lle debe o alcume.
[editar] Estado actual
A súa situación privilexiada no centro da vila de Celanova fixo que este mosteiro fose reutilizado trala exclaustración para fins civís. Na actualidade e a sé da Reitoral, o Concello, o Xulgado, a Biblioteca, o instituto de educación secundaria e outras dependencias oficiais.