Unión do Povo Galego
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional" [1]. Ao seu redor fóronse aglutinando durante os anos setenta os sectores que logo confuirían no BNG. Ten 1.300 militantes e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo
O seu presidente dende 1977 é Bautista Álvarez e o seu secretario xeral Francisco Rodríguez
A Unión da Mocidade Galega que se constituiu en 1977 é a organización xuvenil do partido.
Índice |
[editar] Historia
[editar] Primeira fundación
En novembro de 1963 Xosé Luís Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Xose Luis Blasco "foz" Xosé Antonio Arjona, integrantes do grupo Brais Pinto de Madrid fundaron a Unión do Povo Galego como partido marxista e nacionalista que se integra no Consello da Mocedade no que acaba por diluírse.
[editar] Refundación
En 1964 o Consello da Mocedade baixo a dirección de Ramón Piñeiro, expulsa ao sector esquerdista, que refunda a UPG o 25 de xullo de 1964 integrando ao grupo Brais Pinto, antigos militantes da Federación da Mocidades Galeguistas (Celso Emilio Ferreiro), do PCE (Luís Soto) e nacionalistas de esquerda, en total non máis de 25 persoas.
En 1971 a expulsión de Xosé Torres e os seus seguidores, que se uniron ao Movemento Comunista, deixou a organización case sen militantes en Ferrol e Santiago. Vigo converteuse no principal núcleo dunha organización que nese momento non sobrepasaba os 50 militantes.
[editar] Expansión
Non será ata a formación de ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) por parte de Manuel Mera en 1972 cando a UPG comece a aumentar a súa base social, ao que lle segue na primavera de 1973 a formación da Fronte Obreira da UPG dirixida por Moncho Reboiras.
No marco das relacións que establece con outros partidos nacionalistas europeos asina en febreiro de 1974 coa Unión Democrática Bretoa e o Movemento Republicano Irlandés (do que formaban parte o IRA e o Sinn Fein) a Carta de Brest, no que se defendía o dereito á autodeterminación dos pobos europeos para formar unha futura Europa Socialista dos Pobos, ao documento sumáronse posteriormente Herriko Alberdi Sozialista, Cymru Goch, PSAN(p), Esquerra Catalana dels Traballadors, Su Populu Sardu e Loita Occitana. Tamén desenvolve os contactos que viña mantendo despois de 25 de abril de 1974 con forzas da extrema esquerda portuguesa favorables á toma armada do poder como a LUAR, Partido Revolucionario do Proletariado ou o Movemento das Forzas Armadas. Como consecuencia da política de pactos que seguía a UPG, un sector encabezado por Manuel Mera e que tiña detrás ao comité local de Santiago deixa o partido, aínda que a maioría voltará pouco despois.
Co apoio de ETA (p-m) a UPG formou unha Fronte Armada (de non máis de 10 persoas) co que realizou algúns atracos, pero en agosto de 1975 a policía mata a Moncho Reboiras e detén 4 membros do grupo armado.
[editar] Transición
A dirección do partido pasou provisoriamente a Portugal e aínda que se realizaron aínda algúns actos conxuntos con ETA a UPG deixa de realizar accións armadas dando prioridade á acción política para o que apoia á AN-PG que se presenta publicamente en xaneiro de 1976 e que tiña obxectivo a formación dun goberno galego provisoiro tras conseguir o poder. Ao tempo, tamén en xaneiro de 1976 pola iniciativa da UPG fórmase o Consello de Forzas Políticas Galegas, no que estaban o PSG, PGSD e a UPG, en abril de 1976 publican as Bases constitucionais, no que se recollía o dereito á autodeterminación de Galicia, e máis tarde entran o Partido Carlista e o MCG. En novembro o CFPG entra en crise tras a inclusión do Movemento Comunista que se negaba a que os seus membros deixasen CCOO para ingresar no Sindicato Obreiro Galego como lle pedía a UPG, polo que esta e o PGSD marchan do Consello.
Para concurrir ás primeiras eleccións democráticas, en 1977, a UPG artellou unha fronte nacionalista, BN-PG, que integraban a UPG e a AN-PG.
Entre abril e maio de 1981 a UPG vive unha crise interna entre os partidarios de profesionalizar e dar máis peso ao BN-PG, o sector minoritario, e aqueles que se opuña, o sector maioritario. A crise rematou coa expulsión do sector minoritario, pero maioritario en Vigo, encabezado por Francisco García Montes, secretario xeral da INTG; Bernardo Fernández, secretario xeral de CCLL e Agustín Malvido. Logo destes enfrontamentos a UPG vira cara a esquerda e deu apoio a campañas a favor dos presos de ETA, aumentou as súas relacións con HB e protagonizou actos conxuntos co Partido Comunista-Reconstituído. En febreiro de 1982 marchou o sector maís á dereita da UPG encabezado por Pedro Luaces (ex-secretario xeral) e forte en Lugo. Tras a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982 a UPG mostrouse contrario a calquera colaboración, xa que vía ao goberno socialista como a cara amable do capitalismo.
[editar] Aceptación das institucións
En 1986 a UPG e o BNG aceptan participar nas institucións e prometer a Constitución, o que leva á escisión en xullo de 1986 de 13 membros do Comité Central e unhas ducias de militantes que fundan o PCLN, entre os escindidos estaban Mariano Abalo, Xan Carballo e Ramiro Oubiña.
[editar] Ligazóns externas
[editar] Notas
- ↑ Artigo 1 dos Estatutos da UPG