Urbano Lugrís
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Urbano Lugrís (Sada 1908, Vigo 1973) foi un pintor galego fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Academia Galega, e Purificación Gómez, pianista de gran sensibilidade.
No seu entorno familiar aprenderá a amar a música, a gozar da lectura, a domear a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da cultura galega que influirán de forma importante na súa formación. Desde neno sentirase especialmente atraido polo mar azul da súa terra, no que decidirá mergullarse, facendo para sempre das súas augas e fonduras o seu lugar habitual de ensoñación.
A súa vida está chea dunha actividade creadora pouco común, que lle permitirá plasmar as súas inquedades artísticas en medios tan diversos como a poesía, o teatro, a pintura e incluso a arquitectura ( Ermida do santuario dos Santos Reis, Bueu 1948-49).
Bohemio de vocación mantivo unha intensa vida cultural no Madrid republicano o carón de figuras relevantes da época como Federico García Lorca, Rafael Dieste, Rafael Alberti, Álvaro Cunqueiro, ... participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e facedor de guiñol e na publicación de revistas como Brétemas do que foi o gran vertebrador.
De volta a Galiza seguirá movéndose en círculos literarios e pictóricos dando renda solta a súa capacidade de gran falador; así tan pronto recitaba a un clásico facendo uso dunha memoria prodixiosa , como narraba unha das súas múltiples anédoctas coas que moitas veces foi fabulando a sua propia lenda.
Foi un gran ilustrador de libros e co seu labor de dirección e creación na revista Atlántida demostrou unha nova faceta do seu carácter; a súa capacidade de traballo.
Pintor valente e rompedor . No seu estilo pictórico os críticos atopan semellanzas co metafísico Chirico, co surrealismo de Rene Magritte nas súas visións oníricas e con Patinir , O Bosco, e Brueghel no seu barroquismo das formas e a sua minuciosidade. Dominou tódalas técnicas: óleo, serigrafías, collage, muralista, tinta china sobre papel... Tematicamente a súa obra está chea de referencias ó mundo céltico e as profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.
Desde a morte da súa muller no 1961, Urbano Lugrís debatirase nun ir e vir de fondas depresións, máis entre unha e outra seguirá pintando coa mesma forza e riqueza imaxinativa que o caracterizou sempre, ata o mesmo ano da súa morte; nadal do 1973 na cidade de Vigo.