Xeiteira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A xeiteira é unha embarcación de pesca, hoxe fora de uso, que se empregaba na costa galega desde A Coruña até o Miño para a pesca da sardiña "ao xeito". Utilizouse durante centos do ano até a crise da sardiña dos anos 1950. Hoxe en día só existen dúas.
A xeiteira leva unha vela de relinga e remos auxiliares. Construíase con banceado "a tope" en madeira de carballo na quilla, roda, codaste e cuadernas e piñeiro no banceado e na cuberta. A cuberta esténdese desde a proa até o centro d embarcación e prolóngase poor dous corredores anchos que se unen a popa formando un semicírculo, rodeada toda ela por un cintón (caurel) interior que protexe a entrada de auga desde a cuberta.
No ano 1993, atopouse a quilla dunha xeiteira enterrada no fango de Caldebarcos, Carnota, o que posibilitou que se construíse unha réplica, a Nova Mariña, en Ribeira. Na actualidade está cedida pola Consellaría de Pesca á Escola de Vela Tradicional da Illa de Arousa. A outra xeiteira que se conserva en Galicia é de nova construción e está no porto de Rianxo.
A Nova Mariña mide 8,18 m. de eslora e 2,80 de manga. As dimensións da vela son: 6,124 m. de bordura, 6,22 de valuma, 9.13 de grátil, cunha verga de 4,22 m.; a superficie total é de 37 m².