Xene
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os xenes son as unidades máis pequenas da herdanza. Un xene é un pequeno segmento de ADN que é interpretado polo corpo como un plan ou patrón para a produción dunha proteína específica e a información que proporciona o conxunto de todos eles é o deseño ou plan para estruturar o corpo humano e as súas funcións.
Os xenes atópanse en longas cadeas de ADN, que á súa vez conforman os cromosomas. Algunhas enfermidades como a anemia de células falciformes poden ser ocasionadas por un cambio nun só xene.
Cada ser humano ten aproximadamente 30.000 xenes que determinan o crecemento, o desenvolvemento e o funcionamento dos nosos sistemas físicos e bioquímicos. Normalmente, os xenes atópanse distribuídos en 46 cromosomas (23 pares) dentro das nosas células.
Os pares do 1 ao 22 son iguais en homes e mulleres e coñécense como autosomas. O par número 23 está composto polos cromosomas que determinan o sexo. As mulleres teñen dous cromosomas X e os homes un cromosoma X e un cromosoma Y.
O xene é considerado como a unidade de almacenamiento de información e unidade de herdanza ao transmitir esa información á descendencia. Os xenes dispóñense, pois, ao longo de cada un dos cromosomas. Cada un ocupa no cromosoma unha posición determinada chamada locus. O conxunto de cromosomas dunha especie denomínase xenoma.
O concepto de xene foi variando ao longo do tempo, conforme avanzou a ciencia que o estuda, a xenética.