Xoán Paulo I, Papa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Papa do Século XIX ó Século XX |
|
---|---|
|
|
Papas do Século XX |
|
Papa do Século XX ó Século XXI |
|
|
|
Antipapa/s |
|
|
Papa Xoán Paulo I, (Latín: Ioannes Paulus PP. I) Albino Luciani, (17 de outubro de 1912 - 28 de setembro de 1978)
O penúltimo Sumo Pontífice elixido durante o século XX, Albino Luciani, naceu nunha pequena localidade italiana chamada Canale d'Agordo (Belluno) o 17 de outubro de 1912 (nesa época coñecida como Forno dei Canale) na familia de Giovanni Luciani e Bortola Tancon sendo o maior de catro irmáns. Ós 10 anos, e logo de vivir na pobreza durante a Primeira Guerra Mundial, a súa nai morreu e o seu pai contraeu novas nupcias cunha muller de gran devoción; foi entón cando naceu a súa vocación sacerdotal, segundo el declarou, grazas á predicación dun frade capuchino. En 1923, ingresou no seminario menor da localidade de Feltre, aínda que logo pasou a un seminario algo maior en Belluno, onde foi ordenado en 1935. Trala súa ordenación trasladouse a Roma onde fixo os seus estudos teolóxicos na universidade Gregoriana. Ó remata-los estudos regresou á súa localidade natal onde empezou o seu labor pastoral como párroco de Forno dei Canale e de Agordo, labor que compatibilizou cunha función docente no Insituto Tecnolóxico Mineiro.
Antes de se converter no "Papa do sorriso" (como sería coñecido por moitos), ocupou importantes cargos e distincións: Vicerreitor do seminario de Belluno, foi nomeado Doutor en teoloxía pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma en 1947 e Vicario Xeral de Belluno (diocese a cargo da cal estivo 11 anos) en 1954; En 1958 Xoán XXIII conságrao como bispo de Vittorio Veneto e O 15 de decembro de 1969 foi nomeado Patriarca de Venecia, penúltimo paso antes da súa elección como Sumo Pontífice ó que intermediaría a súa consagración como cardeal o 5 de marzo de 1973.
Foi elixido como o 263º Papa oficial da Igrexa Católica o 26 de agosto de 1978. Foi o primeiro Papa con dous nomes, xesto co que pretendía honrar ós seus dous predecesores: Xoán XXIII e Paulo VIN. Despois da súa elección, Xoán Paulo I estableceu un ambiente de optimismo e reformas. Pero nunca chegaría a avanzar máis alá das propostas. Morreu, aparentemente por infarto, 33 días despois, o 28 de setembro de 1978, tras o undécimo pontificado máis breve a historia (o primeiro corresponde ó de Urbano VII quen ocupou a sé por 13 días).
Así a todo, varias hipóteses, sen fundamento sólido, xurdiron posteriormente para explica-lo inesperado falecemento de Xoán Paulo I. Varios anos despois da morte do Pontífice, destapáronse varios escándalos económicos de groso calado nos que se achaban implicados o Banco Ambrosiano e o Banco Vaticano (dirixido polo cardeal Marcinkus). De feito, Roberto Calvi, avogado do primeiro destes bancos, apareceu aforcado en Londres, a causa dun aparente suicidio. As teorías do asasinato implicarían que Xoán Paulo I tería descuberto estes escándalos, os cales levaban sucedendo baixo os narices de Paulo VI durante bastante tempo sen o seu coñecemento, e tería tentado limpa-la Igrexa deste mal, provocando que a Logia P2, de poderosa influencia no Vaticano, ordenase a súa morte, quizais mediante envelenamento. Iso explicaría, entre outras cousas, que despois de tres papas consecutivos de natureza progresista con tendencia soviética, os delegados escollesen como novo papa a un cardeal moderado, e estranxeiro, que non tivese nada que ver co aire viciado que se respiraba por Italia neses momentos.
Así a todo, dado que non se realizou a autopsia a súa morte, esta está envolvida nun misterio.