Xoán XXIII, Papa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Papa do Século XIX ó Século XX |
|
---|---|
|
|
Papas do Século XX |
|
Papa do Século XX ó Século XXI |
|
|
|
Antipapa/s |
|
|
Beato Xoán XXIII (Latín: Ioannes PP. XXIII), nado Angelo Giuseppe Roncalli, (* Sotto il Monte, Italia, 25 de novembro de 1881 - † Roma, 3 de xuño de 1963) foi pontífice romano dende o 28 de outubro de 1958 ata a súa morte.
Índice |
[editar] Primeiros anos
Naceu o 25 de novembro de 1881 no caserío Brusico de Sotto il Monte, provincia e diocese de Bérgamo. Era o cuarto dos catorce fillos (e o maior dos varóns) de Giovanni Battista Roncalli e de Mariana Mazzola. A súa familia traballaba como labregos nun terreo arrendado; como contraste, o seu predecesor Eugenio Pacelli proviña dunha antiga familia aristocrática italiana, conectada co Papado. No ambiente da súa humilde familia, encabezada polo seu tío avó (e padriño) Zaverio, desenvolveu a súa fe cristiá.
En 1892, entrou no Seminario de Bérgamo para cursa-los estudos superiores, a axuda económica do párroco Rebuzzini e de Giovanni Morlani (propietario das terras cultivadas polos Roncalli). No seminario, comezou a práctica (que continuaría ata a súa morte) de redactar unhas notas espirituais, que quedaron recollidas no seu "Diario dun Alma".
A causa da súa capacidade, en 1901 foi envíado a Roma para segui-los seus estudos como alumno do Seminario Romano dell'Apollinare. Foi ordenado sacerdote en 1904.
[editar] Sacerdocio e labor apostólica
En 1905 foi nomeado secretario do bispo de Bérgamo, Monseñor Giacomo Radini Tedeschi e o ano seguinte foi o encargado da ensinanza de Historia e Patroloxía no Seminario de Bérgamo. Ocupou estes postos ata a morte en 1914 do "seu" bispo, como sempre lembraría a Monseñor Radini Tedeschi.
Durante a I Guerra Mundial, exerceu primeiro de sarxento médico e máis tarde de capelán militar. En 1921, foi chamado dende Roma polo papa Benedito XV para ocupa-lo cargo de Presidente para Italia do Consello Central da Obra Pontificia da Propagación da Fe.
O 19 de marzo de 1925 Monseñor Angelo Giuseppe Roncalli foi consagrado bispo; elixe como lema episcopal "Obedientia et Pax". O papa Pio XI noméao Visitador Apostólico de Bulgaria este mesmo ano. Alí realizou o seu labor apostólico visitando as comunidades católicas e establecendo relacións de respecto e estima con outras comunidades cristiás, en especial da Igrexa Ortodoxa. En 1934 foi trasladado á Nunciatura en Turquía, concretamente foi nomeado Vicario Apostólico de Istambul (antiga Vicaría Apostólica de Constantinopla).
A súa intervención foi indispensable para socorrer ós xudeus ante a persecución nazi.
O mes de decembro de 1944 o Papa Pio XII nomeouno Nuncio Apostólico de París. Contribuíu a normaliza-la organización eclesiástica en Francia, desestabilizada polos numerosos bispos que colaboraran cos alemáns. Grazas á súa cortesía, a súa simplicidade e a súa amabilidade puido resolve-los problemas e conquista-lo corazón dos franceses e de todo o Corpo Diplomático.
En 1953, o Papa Pio XII noméao cardeal e envíao a Venecia como Patriarca.
[editar] Pontificado
O 28 de outubro de 1958, contando con 77 anos, Roncalli foi elixido Papa ante a sorpresa de todo o mundo. Escolleu o nome de Xoán (nome do seu pai e do patrón do seu vila natal).
Despois do longo pontificado do seu predecesor, os cardeais lle semellaron escoller un papa de transición a causa da súa avanzada idade e da súa modestia persoal. Nin os cardeais nin o resto da Igrexa agardaban que o temperamento ledo, a calidez e a xenerosidade do papa Xoán XXIII seducisen os afectos do mundo dunha forma en que o seu predecesor (con toda a súa sabedoría e santidade) non puido.
En seguida empezou unha nova forma de facer de Papa. Foi o primeiro Papa, dende 1870, que exerceu o seu ministerio de bispo de Roma visitando persoalmente as parroquias da súa Diocese. Ó cabo de dous meses de ser elixido, deu exemplo de obras de misericordia: por Nadal visitou os nenos enfermos dos hospitais Espírito Santo e Neno Xesús; ó día seguinte foi a visita-los prisioneiros da cárcere Regina Coeli.
Na súa primeira medida de goberno vaticano, que o enfrontou co resto da curia, reduciu os altos salarios (e a vida de luxo que, en bastantes ocasións, levaban os bispos e cardeais). Asi mesmo, dignificou as condicións laborais dos traballadores do Vaticano, que ata ese momento carecían de moitos dos dereitos dos traballadores de Europa, ademais retribuídos con moi baixos salarios por parte do Vaticano.
Tres meses despois da súa elección, o 25 de xaneiro de 1959, na Basílica de San Paulo Extramuros, ante a sorpresa de todo o mundo anunciou o XXI Concilio Ecuménico -que posteriormente foi chamado Concilio Vaticano II-, o I Sínode da Diocese de Roma e a revisión do Código de Dereito Canónico.
O 2 de decembro de 1960 reuniuse no Vaticano durante unha hora co Arcebispo de Canterbury, o Reverendísimo Geoffrey Francis Fisher. Era a primeira vez en máis de 400 anos, dende a excomuñón de Isabel I, que o Arcebispo de Canterbury se reunía co Papa. Durante o seu Pontificado nomeou 37 novos cardeais, entre os cales por primeira vez un de Tanzania, un xaponés, un filipino e un mexicano.
O papa Xoán XXIII escribiu oito encíclicas en total. O seu maxisterio social nas Encíclicas "Pacem in terris" e "Mater et Magistra" foi fondamente apreciado. En ambas pastorais insístese sobre os dereitos e deberes derivados da dignidade do home como criatura de Deus.
O 11 de outubro de 1962 o papa Roncalli abriu o Concilio Vaticano II en San Pedro. Este Concilio cambiaría a face do Catolicismo: unha nova liturxia (máis sinxela e próxima ós fieis), un novo ecumenismo e un novo achegamento ó mundo.
Dende a apertura do Concilio, o papa Xoán XXIII indica a precisa orientación dos obxectivos: non se trataba de definir novas verdades nin condenar erros, senón que era necesario renova-la Igrexa para facela capaz de transmiti-lo Evanxeo nos novos tempos, busca-los camiños de unidade das Igrexas cristiás, procura-lo bo dos novos tempos e establecer diálogo co mundo moderno centrándose primeiro "no que nos une e non naquilo que nos separa".
Ó Concilio foron convidados como observadores, non só membros de tódalas Igrexas cristiás (Ortodoxa, Protestantes e Evanxélicas, en xeral) senón membros de diversos credos dende crentes islámicos ata indios americanos.
[editar] A súa morte e beatificación
O 23 de maio de 1963 anunciábase publicamente a enfermidade do Papa (cáncer de estómago). Xoán XXIII morreu en Roma o 3 de xuño de 1963. Na memoria de moitos, o Papa Xoán XXIII quedou como "o papa bo" ou como "o Papa máis amado a historia".
A Causa de beatificación foi introducida por Paulo VI en 1965, despois da clausura do Concilio Vaticano II. O papa Xoán XXIII foi beatificado por Xoán Paulo II o 3 de setembro de 2000. A súa festa litúrxica quedou fixada o 11 de outubro, día da apertura do Concilio Vaticano II.
Os seus restos incorruptos actualmente descansan na Basílica de San Pedro, en Roma.
Tamén é honrado por moitas organizacións protestantes como un reformador cristián. Tanto os anglicanos como os protestantes conmemoran a Xoán XXIII como un "renovador da igrexa".
[editar] Encíclicas
- Ad Petri Cathedram (29 de xuño de 1959)
- Aeterna Dei Sapientia (11 de novembro de 1961)
- Grata Recordatio (26 de setembro de 1959)
- Mater et Magistra (15 de maio de 1961)
- Pacem in Terris (11 de abril de 1963)
- Paenitentiam Agere (1 de xullo de 1962)
- Princeps Pastorum (28 de novembro de 1959)
- Sacerdotii Nostri Primordia (1 de agosto de 1959)