Álvaro Cunhal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Álvaro Barreirinhas Cunhal (10 de novembro de 1913 - 13 de xuño de 2005), político e avogado portugués, dedicou a súa vida ó ideal comunista.
[editar] Biografía
Fillo do avogado Avelino Henriques da Costa Cunhal, naceu en Sé Nova en Coimbra o 10 de novembro de 1913. No 1931, con tan só 17 anos, afiliouse ó Partido Comunista Portugués, que integra entón á Liga dos Amigos da URSS e ó Socorro Vermelho Internacional, ó mesmo tempo que ingresa na Facultade de Dereito de Lisboa, onde inicia a súa actividade política. No ano 1934, é elexido representante dos estudantes no Senado Universitario. Gradúase en dereito no 1935 e no mesmo ano é elexido secretario-xeral da Federação das Juventudes Comunistas. No ano 1936, após dunha visita á URSS como integrante da delegación portuguesa ó VII Congreso da Comintern, é cooptado para o comité central do Partido Comunista.
Xa no ano 1940, Cunhal é escoltado pola policía á Facultade de Dereito, onde presenta a súa tese de doutoramento, sobre a temática do aborto e a súa despenalización. A pesares do ambiente pouco propicio, a súa tese foi clasificada con 19 valores.
Debido ás súas ideas, foi preso e torturado no 1937, 1940 e 1949. Dos trece anos que estivo encarcerado, foi mantido incomunicado durante catorce meses e pasou oito nun total aillamento. O 3 de xaneiro de 1960, Cunhal, xuntamente con outros camaradas, todos membros destacados do partido, protagonizaron a célebre fuga do Cárcere de Peniche.
Ocupou o cargo de secretario-xeral do Partido Comunista Portugués de 1961 a 1992, cando foi substituído por Carlos Carvalhas.
Regresou a Portugal cinco días despois do 25 de abril de 1974. Foi ministro sen carteira no I goberno provisorio e tamén deputado entre 1975 e 1992. No 1982, tornouse membro do Conselho de Estado, abandonando este posto dez anos despois, cando saíu da lideranza do PCP.
Faleceu o 13 de xuño de 2005, en Lisboa, e o seu funeral realizouse o 15 de xuño de 2005, onde participaron máis de 250.000 persoas. O seu corpo foi cremado, en cumprimento da súa última vontade.
[editar] Obras
Colaborou en varios xornais e é autor de varias obras:
- Rumo à vitória, (1964);
- O radicalismo pequeno-burguês de fachada socialista, (1970 e 1971);
- Contribuição ao estudo da questão agrária – I e II, (1976);
- A revolução portuguesa – o passado e o futuro, (1976);
- As lutas de classes em Portugal nos fins da Idade Média, (1980);
- O partido com paredes de vidro, (1985);
- Discursos políticos – 22 volumes, (1974-1987);
- Acção revolucionária, capitulações e aventura, (1994);
- A arte, o artista e a sociedade, (1996);
- O Aborto – causas e soluções, (1997);
- A verdade e a mentira na revolução de Abril (a contra-revolução confessa-se), (1999).
É autor de varios romances e novelas, editados co pseudónimo de Manuel Tiago, pintor e ensaísta.
Obras literarias (publicadas co o pseudónimo de Manuel Tiago):
- Até Amanhã, Camaradas;
- Cinco Dias, Cinco Noites;
- A Estrela de Seis Pontas;
- A Casa de Eulália;
- Fronteiras;
- Um risco na areia;
- Sala 3 e outros contos;
- Os corrécios e outros contos;
- Lutas e vidas – um conto.
Artes Plásticas:
- Desenhos da Prisão – I e II.