Aborto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un aborto é a expulsión prematura do útero do embrión ou do feto, o que causa a súa morte. O aborto pode ser espontáneo cando é debido a causas naturais ou provocado cando se realiza á mantenta. Polo común aborto refírese á interrupción do proceso normal de embarazo.
Ó longo da historia, o aborto foi sempre unha materia controvertida polas súas implicacións éticas e morais. Estivo reiteradamente prohibido ou limitado, o que non impedía gran número de abortos ilegais que con moita frecuencia causaban tamén a morte da muller. Nos comezos do século XX algúns países comezaron a despenalizar o aborto nos casos que se realizaba para protexer a vida da nai. En 1920 a Unión Soviética legalizou tódolos abortos, política que se mantivo ata 1936. Islandia foi o primeiro país occidental en legalizar o aborto terapéutico en 1935, seguíronlle os países escandinavos e en 1967 fíxoo a Gran Bretaña e nos Estados Unidos en 1973 a maioría dos estados permitiron o aborto. En España, e polo tanto en Galicia, despenalizouse en 1985.
[editar] O aborto na Unión Europea
Na Unión Europea o aborto recibe diferentes consideracións legais.
- Está prohibido en Malta.
- Está permitido só cando existe risco de morte para a nai en Irlanda.
- Está permitido ademais cando existen riscos físicos ou mentais para a nai en España, Portugal, Polonia e Chipre. En Portugal foi decidido por un referendo que tivo lugar o 11 de febreiro de 2007, cun respaldo favorábel do 59,3%.
- Está permitido ademais por razóns sociais ou económicas en Finlandia e no Reino Unido.
- Nos demais países (Francia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Alemaña, Italia, Grecia, Eslovenia, Hungría, Eslovaquia, República Checa, Austria, Romanía, Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Dinamarca e Suecia, o aborto é libre dentro dos límites temporais que establecen as súas leis.