A formación das liñaxes na nobreza galega baixomedieval
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Atención: Este artigo precisa un traballo de revisión.
Por favor vexa a lista de Artigos con problemas e mellóreo de acordo coas indicacións que aparecen nesa páxina. Cando os problemas se resolvan retire esta mensaxe e borre a páxina da lista de artigos con problemas, pero por favor non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado.
Índice |
[editar] O paso da cognación á agnación. A xeneralización do morgado dentro dun marco de crise
O século XIV é o século das calamidades, un século de crise:
- Crise agraria que provocou unha terrible fame que abriu as portas á grande epidemia de peste que asolou Europa de parte a parte
- A guerra, presente na maioría do territorio europeo. Tamén en Galiza, que participou activamente nos conflitos nos que se viu inmersa a coroa de Castela.
A expansión demográfica e económica de séculos anteriores foi salientable, pero xa a finais do século XIII se apreciara certa recesión que se irá agravando co troco de centuria; isto débese ao estancamento da agricultura. Foi nesta tesitura cando fixo aparición a fame. E son dúas as razóns principais: unha de índole económica e outra de índole social. A primeira debido a que, coa bonanza agrícola, o aumento demográfico fora espectacular, pero co súpeto parón das roturacións de terras non había suficientes alimentos para todos, e ademais a rigorosidade do clima estragaba as colleitas. A segunda razón descansa na consecuencia que produciu o anteriormente citado, un enorme desequilibrio social, xa que as clases dominantes decidiron adoptar unha posición defensiva aumentando as cargas fiscais e rendas que tiñan que pagar os seus vasalos. Pero algúns nobres laicos con apenas terras botaron man doutros medios máis expeditivos para subsistiren.
Un bo exemplo atopámolo no ordenamento dado por Afonso XI nas cortes de Valladolid de 1325, que contestaba ás queixas interpostas por mosteiros e prelados sobor os atropelos cometidos polos ricoshomes ou os seus meiriños. As fontes da época recollen, non exentas de dramatismo, as calamidades que castigaban sobretodo á poboación máis desfavorecida: fue muy grant mortandat en los ganados, e otrosí la simiença muy tardía por el muy fuerte temporal que ha fecho de muy grandes nieves e de grandes yelos.
Logo fixo aparición a peste a principios do outono de 1348, e foi na costa onde se detectaron os primeiros brotes pestíferos, na zona do bispado de Tui, para ir estendéndose cara o interior de Galiza a través das vías de comunicación máis frecuentadas.
A escaseza de brazos axiña foi evidente obrigando á nobreza a reorganizar as súas explotacións e a gañar o pan mediante outras formas: a violencia indiscriminada, roubos, novos impostos (os malos usos), etc
O terceiro grande lastre que acompañou ao século XIV foi a guerra. De entre os conflitos habería que salientar a guerra civil entre Pedro I e Henrique de Trastámara (futuro Henrique II) entre o 1365 e o 1369. Neste conflicto Galiza aceptou un papel activo e protagonista, posicionándose a alta nobreza e as urbes ao carón de Don Pedro. A inxente masa de pequenos cabaleiros aproveitaron a contenda para ascender socialmente apoiando a causa do bastardo. Co triunfo deste ocuparán os postos vacantes deixados pola nobreza petrista erguendose coma donos indiscutibles da Galiza.
O século XV será escenario de atropelos e abusos por parte destes cabaleiros así como dunha inestabilidade interna cuxo máximo expoñente personouse nas continuas disputas bandeirizas entre os diferentes magnates e os prelados das máis importantes sés. Pero a inestabilidadae trasladouse ao mesmo seo da aristocracia, é dicir, ás mesmas bases que cimentaban a súa propia existencia: a terra. Asistiremos dende finais do XIII a unha reorganización dos modos de traspaso dos bens patrimoniais coa única idea de reforzar o patrimonio e evitar por todolos medios a "fuxida" das escasas terras posuídas en casamentos e na división das mesmas entre os fillos. O morgado converterase nunha verdadeira institución; será o paso da cognación á agnación.
O xerme da transmisión patrimonial no período altomedieval é o xermánico, sendo os códigos e dereitos que a regulamentan iguais para toda a prole (modelo cognaticio); o patrimonio constituíu aquel conxunto de bens inmobles e para que isto ocorra estes bens deben ser estables e sólidos. O principio cognativo obriga que a repartición da herdanza prime de xeito equitativo a todolos fillos habidos no matrimonio sen importar sexo e idade. Este principio creaba certa inestabilidade patrimonial e era polo tanto precisa a busca de solucións axeitadas que paliasen a crecente desconfianza neste sistema sucesorio.
Tamén hai que ter en conta os seguintes condicionantes: as catro quintas partes das posesións matrimoniais pasarán ás mans dos fillos, restando unha quinta parte á libre disposición dos cónxugues. Normalmente esta parte ía parar ao poder de institucións eclesiásticas ou ben para dotar mellor a algún dos fillos. O principio cognativo rachaba pois, de xeito paulatino, os bens familiares desmembrando a súa base económica.
Xurdirá entón un novo modelo que xa viña triunfando noutros territorios europeos, falamos do principio agnaticio, mediante o cal prevalecerá a liña paterna da familia (fronte á materna do anterior) á hora da sucesión así coma tamén a primoxenitura. Está firmemente vinculado a un apelido, nun solar determinado, á idea de liñaxe, ao primoxénito varón. Un claro exemplo vémolo no testamento de Pedro Arias de Aldao no 1347: Quero e he a miña vontade que toda a miña fazenda quede junta, porque sempre aja memoria das miñas casas e da miña gente fidalga que deles ben. O primoxénito varón será polo tanto o descendente privilexiado e recibirá todolos bens en concepto de morgado. Será o encarregado de proporcionar prestixio ao apelido e de engrosar o patrimonio. Mulleres e segundóns aparecen coma os máis prexudicados, relegados a un segundo plano; terán por diante un futuro sombrío cargado de incertidumes.
[editar] A formación das liñaxes
A liñaxe susténtase no solar de orixe, nun brasón; inclue á xente viva e morta da familia, e arremuíñase arredor dunha familia xa non conxugal, senón extensa. Cada liñaxe ten un xefe, un auténtico líder que procura a maior gloria para o seu apelido e fai as funcións de cabeza visible e para isto é educado o varón primoxénito.
A pertenza a unha determinada liñaxe non é unha cuestión biolóxica, en torno ao líder técese unha rede de clientelismo (domésticos, meiriños, homes de armas, criados) xunto aos seus consanguíneos. Ten unha clara función aglutinadora. O xefe toma tódalas decisións que atinxen ao seu contorno e ten a obriga da salvagarda do patrimonio.
Aspírase á solidez patrimonial, polo que a solución radica no morgado. Este constitúese pola masa de bens inseparables do vínculo hereditario, mais esíxese unha condicion fundamental ó primoxénito: se case con jente fidalga e limpia de toda agaficidad e mala raza.
O morgado proporciona estabilidade a aqueles cabaleiros pertencentes ás pequenas liñaxes economicamente pouco fortes, ávidas por perdurar na historia e na memoria da fidalguía galega: Señaladamente para que aviendo memoria de las casas pasadas e consideracion de las presentes, en las venideras derechamente podamos proveer A trascendencia da liñaxe apreciase sen dúbida no testamento de Vasco de Ulloa de 1290 no que esixe que todolos seus bens recaian no seu primoxénito e se non é así, nalgunha persoa capaz que porte o apelido Ulloa: con condiçon que ditos beens sempre anden juntos heredados encorporados nunha soa persoa (...) a persoa que teña sempre por mais adiantado o meu linaje de Ulloa e o traiga no seu escudo darmas con roda e o pendón da señora Santa Catalina. No caso da inexistencia de fillos lexítimos non resulta estraño que a sucesion recaese nos fillos ilexítimos: E morrendo a dita Ysabel sin semeda e menor de ydade e hos ditos Lopo e Gonzalo como ditto he, que todos estos dittos bees terras e señoríos que se tornen a Rodrigo meu fillo que hey de Maria Fernandez, filla de Pedro Fernandez de Soñar.. Pedro Madruga sería outro bo exemplo desta práctica.
O termo casa é sinónimo de de familia ou liñaxe. É a súa significación simbólica; o xerme da liñaxe, o solar que os identifica perante a sociedade e acompaña o seu apelido. A conciencia xenealóxica que esperta na nobreza galega da Baixa Idade Media mergullase ata este punto primixeneo na procura do seu primeiro valedor; na busca das xestas e da gloria que se lle supón e que dignifique o nome do actual titular da casa e da liñaxe. Gañará pulo nestes anos o pasado, seguindo a liña recta ata o mesnmo fundador. En palabras de Duby: Estas representaciones traducen una cierta conciencia de cohesion familiar; ademas (...) fijaron esta conciencia y la impusieron firmemente a los miembros del grupo, guiando en cierta medida su conducta durante las generaciones posteriores..
Novos modelos de comportamento, novas regras de conduta social e formas de relacionamento co mundo dos antergos; todo isto imbuido dunha forte impronta militar-cabaleiresca. A partir de agora xeración tras xeración embarcaranse en prodixiosos esforzos destinados ao crecemento dos bens e da gloria da liñaxe. Será a traves do pai dende onde se transmita a conciencia non só da liñaxe senón tamén de nobreza; a nai participará por que ao seu través se perciben os recursos que fan posible este feito así como tamén o sangue azul que prestixia ao cabaleiro.
A nobreza galega comezará a preocuparse da elaboración das árbores xenealóxicas creando unha realidade do pasado a medida dos seus desexos inventando orixes míticas e case que totalmente irreais. O solar primixenio (en moitas ocasións relacionado cunha torre ou fortaleza) non pode ser alienadoTexto en cursiva, debe permanecer inalterado xa que é o soporte da función aristocrática; o lugar onde naceron e viviron os proxenitores, e os destes a súa vez, do novo señor.
[editar] Funcións da cabeza de liñaxe
Como norma xeral o xefe da liñaxe vía acrecentado o patrimonio como consecuencia da súa crianza na casa dalgún familiar que, seguindo os usos da época, unha vez armado cabaleiro, recibía do seu titor algunha posesión por moi pequena que sexa. A fortuna sorríalles con maior amabilidade se cabe se tiñan a oportunidade de criarse na corte real, como foi o caso de Fernando de Andrade en tempos dos Reis Católicos.
A liñaxe tiña a súa expresión material como manifestación de poder e da súa propia existencia. Trátase dunha das múltiples imaxes dos seus membros dadas ao exterior, traducidas na fundacion ou dotacion de mosteiros escollidos coma colosais mausoleos familiares; fortalezas e importantes obras públicas (pontes e hospitais) como vemos en Fernán Pérez de Andrade.
O cabeza de liñaxe tiña unha serie de obrigas inherentes á súa posicion con respeito dos seus. En primeiro lugar, debía brindar e garantir o sustento e rango pertinente dos seus irmáns; tamén responsabilizábase de coidar que as mulleres da familia fosen ben dotadas no caso dos esponsais, decidindo quen resultaba axeitado para este mester, sempre atendendo a posibles alianzas.
A clientela integrada dentro da casa víase inmersa neste círculo a cambio de obediencia e lealdade. De aí que a política estamental da fidalguía galega fose coidadosa e medida. Como nobreza humilde que era a galega, con escasas rendas e terras, levaron a cabo un progresivo achegamento entre eles e non só pola vía matrimonial. Tratábase dunha especie de solidariedade de grupo que pechaba filas para protexer as precarias fontes económicas das que dispoñían. Deste xeito era habitual a xuntanza dos bens de varios fidalgos dunha mesma liñaxe que non dubidaban en poñerse baixo as ordes e servizo do irmán maior, para así reforzar o solar. Xurábanlle lealdade e a promesa de engrandecer a honra familiar, tal como fixeron García Martiz de Barbeyra e García Pérez de Costela á morte de Vasco Pérez; formando consello con outros nobres e elexindo a un deles coma señor: alçarono por señor.
Por outra banda a adhesión de pequenos cabaleiros e fidalgos por parte da nobreza máis poderosa mediante o matrimonio ou a homenaxe foi un eixo primordial. Coa longueza, o señor asegurarase de pagar con creces a fidelidade dada por esta mesnada. En moitas ocasións a lealdade poñíaselle un prezo e a incorporación de fidalgos a unha casa ou a outra dependía en grande medida do que estaban dispostos a pagar.
[editar] O ideal cabaleiresco na nobreza galega baixomedieval
A cabaleiría é unha institución dentro dun mundo militarizado que atopa en épocas antigas o seu nacemento. Paseniñamente este grupo de milites que combaten ao lombo dun cabalo irán destacandose no ámbito bélico e asimilandose á aristocracia. Gracias a este achegamento foron tomando da nobreza costumes similares ata concluir nunha plena identificacion por parte de ambolos dous grupos.
Mais a nobreza decatouse do negativo desta situación, porque a entrada dentro do seu mundo de garnde cantidade de guerreiros, desprestixiaba por un ha banda a súa preeminencia; e por outra posibiltaría o ingreso no estamento de numerosos advenedizos carentes desa longa tradición e abolengo nobiliar. Debido a isto optouse por pechar todalas vías de acceso por este camiño elaborando unha serie de códigos e valores propios, coma tamen unha cerimonia pola cal o rei, e posteriormente calquera nobre, puideran conceder esta categoría de cabaleiro a un futuro aspirante. Unha vez investido con todo tipo de honores o individuo pasará a formar parte desa élite que controla exhaustivamente a súa demografía. a fusion nobreza/cabaleiría será un feito.
A Galiza estas ideas de honor, valía e gloria arraigaran nos séculos XIV e XV á par da isntauración do maorazgo, das linaxes e da man do ascenso da pequena nobreza á sombra de Henrique II de Trastámara.
O uso das armas e a manifestacion de coraxe na batalla catapultában ao cabeliro aos máis altos honores; e seguindo as pautas marcadas por un código de comportamento que expresaba as actitudes de máxima nobreza. Son posuidores dun conxunto de virtudes definidas por unha ética e unha moral; ética e moral de clase, excluinte e exclusivista, para alonxar a aqueles intrusos sen tradición linaxuda: Linaxe e cabaleiría asimilanse nesta época.
Os aristócratas preocuparanse polo culto ao honor persoal, patrimonio da familia e prestixio da Casa. Será entón cando os xovenes devezan por alcanzar as cotas máis altas de recoñecemento. En verbas de Duby: La juventud aparece(...) como el tiempo de la impaciencia, de la turbulencia y de la inestabilidad.
A guerra será o marco idóneo para acariñar a tan desexada gloria. Serán eles os responsables da agresividade feudal daracterística da Galiza baixonedieval (ademais de ter en conta a natural supervivencia económica); da turbulencia entre señores, xa que os segundóns sen ningunha outra expectativa veranse na obriga de lanzarse á aventura. A cabaleiría xerará unha rica literatura moi prolífica có fin de espolear os sentimentos colocando nun primeiro plano figuras heroicas, mitos vivintes que sirvan de arquetipo aos xóvenes cabaleiros. Neste senso o Livro de Linhagens do Conde Don Pedro equipara a Rodrigo Froiaz có Cid, apresentando a un heroe coñecido e cercano e que tal vez precise o reino galego-portugués. Mostrao coma un vasalo modelo, cabaleiro intrépido e virtuoso. E así é; a cabaleiría tentaba espertar virtudes nos seus compoñentes pero sobretodo a lealdade, nai de todalas virtudes(ó rei e en consecuencia ó señor). É a definidora de nobreza e por extension de cabaleiría.
Fomenta considerablemente a conviccion de pertenza a un grupo privilexiado de dirixentes da sociedade mediante os vínculos feudo-vasaláticos, definidos pola linaxe, a cabalería, o código feudal. De ahí que, como observou Duby para a Francia do século XII pero igualmente extensible á Galiza da Baixa Idade Media; o guerreior deixa de ser considerado xove polos seus cando se establece, é dicir, cando alcanza a xefatura dunha Casa e encabeza a súa propia linaxe casandose e criando fillos.
Pero tal vez o que máis lle interesa ao nobre é o recoñecemento, a fama; a base deste recoñecemento será o nome. Converterase case que en patrimonio familiar repetindose entre os seus membros en xeracións alternas (avó/neto); nas árbores xenealóxicas observamos este feito. Así na importante familia dos Castro galegos Fernando Ruiz de Castro levaba por nome o do seu avó, e súa vez o seu neto levaría o seu nome. É a faciana distintiva da linaxe, rememora a calidade do antergo e a gñoria que acumulou coa esperanza de que a súa valía impregne ao actual portador do nome. Semella unha especie de superstición.
A muller aportará o seu sangue enobrecido e prestixio, sobretodo se houbo cabaleiros famosos na súa linaxe que incorporará ao do marido. Normalmente tentase medrar na escada social e procuranse mulleres de mellor posición. A esposa deixa ao home a acrecentamento da honra mediante o oficio das armas, mentres elas serán as depositarias da honra do apelido.
A fidalguía galega apelaría a un pasado idealizado mostrando como forma de prestixio as orixes cabaleirescas da familia. Realmente non facían mais que redefinir unha cabalería de peqeuno ou mediano porte, sempre nun segundo plano recreando unha imaxe moi diferente á da teoría.
[editar] Os excluidos: mulleres e segundóns
Dadas as circunstancias ata o de agora expostas compre lembrar a aqueles descendentes menos afortunados obrigados a vivir á sombra do primoxénito, coa invertidume dun futuro pouco esclarecedor. Falamos das mulleres e dos fillos varóns segundóns.
Para estes a posibilidade de crecemento dentro da propia casa semella imposible; mentres as primeiras pasan a depender plenamente dos homes: Primeiro do pai, logo do primoxénito varón e por último do marido. Aos segundóns só lles restaba procurar a vida fora do ámbito familiar, ou nalgúns casos a prestar servicio e xurar fidelidade ao irmán.
No tocante ás mulleres cabe salientar que foron as máis perxudicadas do rpincipio agnatacio. a liña paterna relegara á materna á marxinalidade construindo un mundo por e para os homes. Dende o estamento eclesiástico transmitiuse unha imaxe negativa da muller amparandose en que foi creada a partires da costela de Adán, un home; que induciu ao pecado orixinal ao seu compañeiro; que carecían de alma... Axiña pareceu quedar clara a sumisión e a inferioridade tanto intelectual com afísica da muller. As súas funcións reducíanse a tres: A consagración a Deus, o matrimonio e a viuveza. Sirva para exemplificar esta concepcion a seguinte declaracion sita na Historia Compostelana: Mais ¿qué non ousa a perversidade mulleril?, ¿qué non presume a astucia da serpe?, ¿a que non acomete a malignísima víbora?. En suma: canto ousen, canto presumen e acometen as ficcións mulleriles, abondo o indica o exemplo de Eva, a nosa primeira nai; o audacísimo ánimo da muller viola o máis santo; tanto le ten o lícito como o vedado.
Coa aparición da idea de linaxe e o maorazgo a muller deixou de percibir a parte correspondente á herdanza. Será confinada dentro do ámbito domestico; as liñas maternas van decaendo paseniñamente no esquecemento pero recurrirase a elas con frecuencia pois é a fundadora da liña de sangue, cumpre o rol de parte prestixiante da linaxe masculina xa que proporciona lustre, a idea de nobreza ademais de evitar coa súa funcion reproductora que a linaxe non se extinga. As únicas saídas que lle restan á muller limitanse a dúas: Convento ou matrimonio.
Á morte do pai recibía unha cantidade de cartos ou unha pequena porción de terra en concepto de dote que lle permitise contraer un bo matrimonio, a documentacion apresentase bastante clara. No 1402 Gonzalo Ozores de Ulloa así o constata: A terceyra partizon queyro e otorgo e mando que haja por su herenza e partizon dos meus bes a dita Ysabel miña filla trinta mil mrs., para con que case (...) mando que os pague meu fillo ao tempo que ela houber de casar.
Por suposto o matrimonio era concertado polo irmán atendendo sempre a alianzas e a intereses económicos ou políticos. Representa algo prioritario dentro da política internobiliaria da casa. En moitas ocasións non era descabelado o casamento entre familiares para evitar a desmembración do patrimonio, sobretodo entre curmáns. Na Galiza primará a alianza cós vecíños sendo simplemente un mero obxecto de intercambio. Et mando que Iohan Faian pela menagen que me ten feita que minna neta Ynes Perez que a de e entrerge a meu fillo Martin Afonsi e que a tena ata que seia de idade que case con Pero Fernandez fillo de Fernan Perez de Torrichano e de Maria Fernandez de Meyra.
Outra solucion era o ingreso nun convento. Cando non dispoñían dunha dote suficiente ou pola contra non atopan un casamento axeitado ou mesmo enviuvaban, o ingreso nun convento era un feito. Isto supoñía un grave problema para o convento xa que recibían a mulleres carentes de vocación e acostumadas a unha vida cómoda lonxe das tarefas cotiás dentro dun mosteiro. Un exemplo témolo no mosteiro das Huelgas en Burgos, onde ian parar as fillas lexítimas e ilexitimas da realeza e da alta aristocracia, axiña converteuse nun estado feudal economicamente poderoso pois os donativos eran sustanciosos. Conscentes da precariedade da súa situación no caso do falecemento do marido puxeron en práctica a cesion a grandes mosteiros e conventos do seu herdamento ou meso para a ereccion dun novo; coma exemplo sirva a fundación do convento de Santa María de Belvís no 1305 por Tareixa Gonzalez que cede as súas terras de Carnota para a remuneración da obra.
Unha excepción a todo o dito constitueo Vasco de Ulloa no 1290, ó carecer de fillos decidiuse en deixar o seu patrimonio a unha parenta, Teresa Sanchez de Ulloa, apoiandose nas dificultades que unha muller atoparía na vida; cousa que a empurraría a vixiar mellor o patrimonio e non deshonrar ao apelido. E sea sempre muller ainda que haja hoomes porque os homes, dandose a vertude, achan mais presto comodidade para pasala vida e unha muller filladalgo, por non ter con que se casar, pere a veçes sua honra e a do seu linaje. No caso dos varóns non primoxénitos os camiños que se lles mostraban eran máis abertos que os das mulleres, pero aínda así o seu futuro non estaba nada claro. as tres saídas fundamentais eran a carreira eclesiástica; poñerse ao servicio doutro nobre (mesmo de seu irmán maior); ou lanzarse á aventura fora da Galiza ingresando nunha orde militar.
A carreira eclesiástica encaramabaos a aqueles postos de maior renome de Galiza, así os Soutomaior alzaronse coma os grandes prelados da Galiza; Paio Pérez será arcebispo de Santiago ou Álvaro Páez bispo de Mondoñedo. Para aquelas familias de segunda liña restaban os cargos de menor importancia coma o de coengo. A direccion dos mosteiros foi tamén moi codiciada pola aristocracia pois abririalle moitas posibilidades económicas.
Prestar homenaxe a un nobre e servirlle coma meiriño nalgunha fortaleza e administarndo as terras era outra das opcións baralladas. Tentaba continuar mantendo o seu status, seguir disfrutando da posicion privilexiada que se lle supoñía, e continuar vivindo coma un cabaleiro.
No tocante ás ordes militares, nun principio carecían de prestixio para reclamara a atención da alta nobreza quedando relegado o seu ingreso á aristocracia máis modesta. A sede de aventuras e a proxeccion cara o resto da península era o perfecto cebo para atraer a estes deseseperados fidalgos; máis adiante co triunfo dos ideais cabaleirescos a alta nobreza comezaría a poñer as súas miras nas devanditas ordes. Considerabase prestixioso para a familia a pertenza nestas dalgún dos seus membros.
En moitas ocasións abríanse rencillas entre os irmáns por mor da primoxenitura, as tensións podían rematar no enfrontamento e mesmo no asasinato. tampouco resulta estrano que ditas tensións se proxectaran cara o exterior dando esa imaxe violenta e conflictiva que acompaña á nobreza galega da Baixa Idade media. As súas pugnas intestinas non facían máis que arruinar a terra e arruinarse a si mesmos.
[editar] Bibliografia
- Andrade Cernadas,J. M.; Pérez Rodriguez, F. J., Galicia Medieval, Historia de Galicia, Tomo III, A Coruña, 1995.
- Aponte, Vasco de, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia, Int. e Edi. Crítica con Notas, Santiago de Compostela, 1986.
- Duby, George, Hombres y Estructuras de la Edad Media, Madrid, 1977.
- Pallares Mendez, Mª. Carmen, A Vida das Mulleres na Galicia Medieval 1100-1500, Universidade de Santiago de Compostela, 1993.
- Pallares Mendez, Mª Carmen, Algunos Problemas Relativos a la Evolución de las Estructuras Familiares en la Nobleza Medieval Gallega en, Parentesco, Familia y Matrimonio en la Historia de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.
- Pallares Mendez, Mª Carmen, Los Mozos Nobles. Grandes hombres si Fueran Hijos Solos, en Revista D`Historia Medieval, Universitat de Valencia, Valencia 1995.
- Paredes Mirás, Mª del Pilar, Mentalidade Nobiliaria e Nobreza galega. Ideal e Realidade na Baixa Idade Media, A Coruña, 2002.
- Portela Silva, E.; Pallares Mendez, Mª del Carmen, Elementos para el Análisis de la Aristocracia Altomedieval de Galicia: Parentesco y Matrimonio, en Museo de Pontevedra, Tomo XLIII, Pontevedra, 1989.
- V.V. A.A., Historia de Galicia, Madrid, 1981.