Antón Avilés de Taramancos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos (Boa, Noia, 6 de abril de 1935 - Coruña o 23 de marzo de 1992) foi un escritor galego.
O seu pai era Severiano Avilés, mariñeiro e a súa nai Manuela Vinagra, labrega, que tiveron outros tres fillos antes de nacer Antón. Fixo o bacharalato en Noia, e xa aos 15 anos publica o seu primeiro poema, en galego, na revista local Tapal editada por Manuel Fabeiro Gómez. Chegou á Coruña para facer estudos de náutica, alí foi decisiva a súa amizade con Urbano Lugrís, Xohán Casal e Reimundo Patiño que influíron na súa concepción de Galicia e na súa ideoloxía. Neste tempo colaborou en revistas literarias como Aturuxo de Ferrol ou Quatro Ventos de Braga. Na revista Atlántida da Coruña publicou os seis poemas que constitúen As moradías do vento, e en 1959 publicou o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo e o poemario que enviou ao concurso literario organizado por Bras Pinto, Pequeno canto para un peito xoven, que quedou inédito ata 1982. Participou na estrea da obra teatral de Álvaro Cunqueiro, O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca.
En 1961 emigrou a Colombia, alí permaneceu ata 1980, primeiro na selva amazónica e máis adiante na embaixada brasileira en Bogotá. Alí coñeceu á que se converteu na súa muller en 1970 e a Manuel Arce Valladares, embaixador de Guatemala, de orixe galega. Unha vez finalizado o contrato coa embaixada iniciou unha serie de traballos sen moito éxito ata que conseguiu un traballo como distribuídor de libros en Cali.
O 15 de agosto de 1980 regresu a Noia, rexentu unha taberna, a Tasca Típica, na que organizou recitais poéticos e dende a que organizou a Sociedade Cultural Catavento. Presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1986) e foi elixido concelleiro en Noia polo BNG, polo ue ocupou o posto de concelleiro de cultura (1987-1991). Morreu dun cancro.
En 2003 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.