Antón Lopo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Antón Lopo é o alcume literario de Antón Rodríguez López (Monforte de Lemos, 1961), escritor galego.
[editar] Biografía
Traballou como ferroviario e actor de dobraxe, coordenou Revista das Letras, suplemento cultural de El Correo Gallego.
É creador de vocación interdisciplinar. Como poeta publicou Sucios e desexados (1987), Manual de masoquistas (1990), Á sombra dos rapaces mexando (1995), O libro dos amados (1996), OM (1996), Pronomes (1998); como narrador publicou diversos relatos espallados en publicacións colectivas e as novelas As reliquias (Xerais, 1991), Premio Café De catro a catro, O riso de Isobel Hill (Deputación de Pontevedra, 2000) e Ganga (Xerais, 2001).
No ano 2002 publicou Fálame. Desenvólvese como xornalista de cultura no xornal O Correo Galego.
[editar] Obra
- “Fálame”
Este libro forma parte dun proxecto poético de longo alcance sendo o seu creador un poeta consagrado e cunha gran capacidade de transmitir a emoción.
- “As tres mortes de Lorenzo Varela"
Obra publicada pola Editorial Galaxia, sendo esta unha das realizadas no exilio. É unha novidosa achega ao xénero biográfico. O libro inclúe, ademais, unha ampla cronoloxía e unha escolma comentada da obra poética do creador de Torres de amor. A partir dos datos biográficos e co material base da obra literaria de Lorenzo Varela, esta biografía ofrece aos lectores, dun xeito novidoso, a crónica dunha peripecia vital que percorre as turbulencias do século XX. "As tres mortes de Lorenzo Varela" adéntranos no labirinto dunha vida marcada pola guerra civil e o exilio, ao tempo que percorre a biografía do poeta a través das páxinas da súa obra. Unha galería de personaxes fascinantes como Octavio Paz, Maruja Mallo, Jorge Luis Borges, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Miguel Hernández ou Ánxel Fole chega con gran viveza aos lectores e lectoras a través do texto. O mosaico de toda unha época e un tempo que Lorenzo Varela viviu nas trincheiras do campo de batalla, nas barricadas da literatura ou no combate que librou no seu interior entre a razón e a emoción. Un libro que nos achega, sobre todo, á vertente humana do escritor.
- “Unha terraza en propiedade”
Neste relato unha muller narra en primeira persoa a súa incapacidade para estar quieta mentres cociña; así vai narrando, en directo, como decide regar as plantas da terraza ao tempo que fai unha tortilla de patacas. O relato finaliza cando, despois de pechar a porta da terraza, se percata de que non se pode abrir por fóra e de que a tixola está ao lume; pensa en tirar un ladrillo contra os cristais pero non o fai ao acordarse do moito que ten limpado neles.
- “Pronomes”
Voz forte que enuncia a representación hierática dun magma salvaxe: o amor, a morte, o desexo, a desintegración da memoria persoal e colectiva e a labilidade do vivido como fabulación rememorada.
[editar] Premios recibidos
- Premio Álvaro Cunqueiro
O xornalista, escritor e creador multidisciplinar Antón Lopo foi o gañador do premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais pola obra “Os homes só contan ata tres”.
O texto do autor foi presentado co lema “S3” resultando elixido por unanimidade do xurado entre os 24 orixinais que concurriron á edición do certame instituído pola Xunta de Galicia no ano 1988. Este premio é convocado pola Consellería de Cultura a través do Instituto de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), estando dotado con 6.025 euros, aínda que o máis salientable é que conleva a publicación do texto na colección Os libros do Centro Dramático Galego, e o apoio á súa representación. Algúns dos anteriores gañadores do certame foron: - Roberto Salgueiro (1998, 2000 e 2003) - Euloxio Ruibal (1989). - Agustín Magan (1990). - Roberto Vidal Bolaño (1991). - Xosé Cid Cabido (1992). - Manuel Riveiro Loureiro (1993). - Raúl Dans (1994). - Alfonso Becerra (2001). - Siro López (2002).
- Premio “Esquío” 2003
Ademais do anterior premio, no ano 2003 foille concedido o premio 'Esquío' de poesía en lingua galega pola obra “Fálame” Dise deste poemario que é áspero e descarnado pero tamén visceral e humano. Nas poesías identifícanse recursos narrativos que xa apareceran en “Ganga”, última novela de Antón Lopo. No libro trata temas amargos como a dificultade das relacións interpersoais, a incomunicación sexual ou a imposíbel felicidade, etc. Fálase do libro como algo “diferente” que reflicte a dualidade, elevada e ruín, do ser humano, e dise que é unha obra en certo sentido coral. Considérase o libro coma fóra do habitual, sen desmerecer para nada a calidade doutros premiados, e prognostícase que pode ser un referente a ter en conta.