Arquitectura posmoderna
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Probablemente o primeiro desenvolvemento artístico deliberadamente postmoderno tivo lugar na arquitectura. Os arquitectos vangardistas da primeira metade do século XX; a Bauhaus de Ludwig Mies van der Rohe e Walter Gropius, e os seus sucesores do chamado movemento internacional, Frank Lloyd Wright, Alvar Aalto ou Le Corbusier; buscaran deliberadamente romper coas súas obras a estrutura do tecido urbano en que se inserían, preferindo enfatizar a funcionalidade, simplicidade e pureza de liñas do edificio. O compromiso coa renovación das formas de vida na evolución da sociedade levaba ós modernistas a intervir radicalmente no mesmo concepto da vivenda, famosamente definida por Le Corbusier como "máquina para vivir", buscando o potencial emancipatorio da arquitectura na innovación. O postmodernismo arquitectónico dos anos 50 e 60 resentiuse destas intervencións; algunhas das cales tiveran resultados desastrosos; e intentou temperar os trazos de practicidade e as melloras estruturais e de materiais do modernismo co retorno a formas máis convencionais e familiares. O estilo resultante; unha colaxe de distintas tradicións, pero sobre todo un compromiso cos gustos populares e co establecido que resultase inaceptable para os rigorosos modernistas; foi vigorosamente defendido contra a estratexia modernista, e produciu obras de moito fuste, sobre todo nos Estados Unidos.