Casa dos Toubes
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
[editar] Situación
A casa dos Toubes é un pazo situado na parroquia de San Miguel de Osmo, no concello de Cenlle, comarca do Ribeiro, provincia de Ourense.
Atópase illada e foi obxecto de moitas reformas posteriores á súa construción. Tamén é coñecida como a Casa de Outeiro.
Aparece no mapa topográfico 1:50.000 do I.G. e C. na folla nº 187. O seu emprazamento é privilexiado aproveitando o terro quebrado do val do avia na parte alta da aba do monte que domina as viñas.
[editar] Descrición
A casa atópase moi cambiada polas reformas realizadas ao longo do tempo. Conserva nembargantes elementos testemuña da súa pasada grandeza.
Posúe planta rectangular con patio posterior ó redor do cal se xuntan as dependencias agrícolas: un alpendre de grandes dimensións sostido por piares poligonais e o cabaceiro.
A súa fábrica é de perpiaño rico e ben labrado e presenta dúas plantas. A fachada principal oriéntase a ao poñente, ten as dúas plantas divididas por unha imposta e todo o seu lenzo rematado por unha cornixa moldurada.
Na planta principal ábresen catro portas de aire con balaustrada de ferro e no centro, entre as xanelas, unha pedra de armas timbrada con helmo e cimeira e lambrequíns moi decorativos. No piso baixo ábrese unha gran porta alintelada cunha pequena ménsula decorada cunha cruz sobre o seu lintel. A fachada sur posúe as mesmas características.
A cuberta, a catro augas, leva tellado de tella e destaca unha cheminea de corte transversal trapezoidal con remates apiramidados con bola.
[editar] Historia
Esta casa foi coñecida como Casa do Outeiro e foi propiedade dos Toubes. No Cadastro de Ensenada, don Félix de Toubes y Somoza posúe "una casa que auita de un alto con su cozina, caualleriza y bodega terrena en el lugar de Outeiro"