Coalición Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Coalición Galega é un partido político galego nacionalista e de centro, que dende o 4 de novembro de 2005 forma parte da coalición Terra Galega
[editar] Coalición
Naceu como coalición electoral para as eleccións municipais de 1983, nel incorporouse boa parte dos dirixentes (en especial Eulogio Gómez Franqueira) e partidos galegos, Partido Galego Independente, Centristas de Ourense, Converxencia de Independentes de Galicia, procedentes da descomposición da UCD logo da súa desfeita nas eleccións xerais de 1982, ao que se uniu sectores galeguistas, en especial o Partido Galeguista.
[editar] Fundación do partido
Os bos resultados das eleccións (125.000 votos) propiciaron que en 1984 se transformase nun partido nacionalista moderado e centrista, pero mantiña unha estrutura clientelar nas zonas rurais das provincias de Ourense e Lugo, herdada da UCD.
Nas eleccións autonómicas de 1985 baixo o liderato de Pablo González Mariñas, e o apoio activo de CIU, obtivo 163.425 votos (13%).
No partido perfílanse dous sectores, un partidario de pactar coa esquerda e outro que avogaba por dar ao seu apoio á dereita, este foi o que predominou o que permitiu a elección de Xerardo Fernández Albor como Presidente da Xunta.
Nas eleccións xerais de 1986 obtén só un deputado (Senén Bernárdez), o primeiro deputado nacionalista nas Cortes españolas logo da fin da II República.
En xaneiro de 1987 os sectores máis nacionalistas e progresistas de Coalición Galega dirixidos por Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña deixan o partido e forman o Partido Nacionalista Galego. Para concurrir ás eleccións municipais de 1987 CG forma a Coalición Progresista Galega xunto ao Partido Demócrata Popular e o Partido Liberal, conseguindo o 11.07% dos votos e 607 concelleiros. Trala marcha de Xosé Luís Barreiro do Partido Popular de Galicia en setembro de 1987 Coalición Galega entrou no goberno dirixido por Fernando González Laxe.
Nas eleccións autonómicas de 1989 sofre un forte retroceso electoral ao obter só 48.208 votos (3'6%) e 2 escanos. Nas eleccións autómicas de 1993 Coalición Galega queda sen representación parlamentaria ao obter 6.098 votos (0'42%).
Actualmente José Domingo Posada González é o presidente de Coalición Galega e Fernando Alonso Lorenzo o seu secretario xeral. CG tivo 3.587 votos (0,21%) e 12 concelleiros nas eleccións municipais de 2003 e 2.235 votos (0,12%) nas eleccións xerais de 2004.