Domingo de Andrade
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Domingo Antonio de Andrade (Cee, 1639 - Santiago de Compostela, 1712) foi un arquitecto galego de proxección universal.
Estudou na facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1669 era Aparellador Maior da catedral e en 1676 foi nomeado Mestre de Obras.
[editar] Arquitecto insigne
Moi cedo abraiaría a Galicia coa súa primeira construcción significativa, se cadra a súa obra mestra: a torre do Reloxo da catedral de Santiago de Compostela: sobre un corpo medieval no que abreu unha elegante xanela, alzou tres máis ata unha altura de 72 metros. O primeiro corpo de forma cúbica ten catro templetes nos ángulos e unha balaustrada. O segundo é octogonal con arcos de medio punto e tamén balaustrada. O terceiro colócase sobre un tambor circular e está ornamentado con oito volutas. No cume loce unha lanterna circular e remata nun pináculo rematado nunha bola que sostenta unha cruz. A monumentalidade e a solidez en plena harmonía co conxunto catedralicio fan desta realización unha obra barroca de prestixio internacional.
No ano 1700, realizou o Pórtico Real da Quintana buscando unha compatibilidade perfectamente acadada coa torre do reloxo e sen que a profusa ornamentación desentoe do conxunto, antes ben o realza.
Son súas a sala capitular e a sancristía da Catedral de Lugo. Nesta última obsérvanse as súas características sartas de froitas, así como o emprego do arco de medio punto. Na mesma cidade interveu no convento de dominicanas de Santa María a Nova.
Volvendo a Santiago, traballou no convento de San Domingos de Bonaval, onde novamente aparecen as sartas de froitas no claustro e onde a contención da fachada trócase en virtuoso alarde na famosa escaleira de caracol.
Como Mestre de Obras municipal hai que salientar a Casa da Parra e a Casa da Conga, na praza da Quintana, así como a Casa das Pomas na Rúa Nova e a casa da praza de Feixóo, onde destacana as escaleiras do interior.
Interveu, así mesmo, na Obra Pía de Santo Antonio, en Melide.
[editar] Outras actividades
Deben mencionarse as súas obras en madeira, dado que foi tamén un entallador e imaxineiro brillante: retablos como o da igrexa da orde terceira no conxunto franciscano de Santiago, o da igrexa do convento das clarisas o relicario do convento de San Paio de Antealtares e o desaparecido baldaquino do mosteiro de Oseira falan da súa habilidade nesta faceta menos coñecida
Escribiu a obra Excelencias de la Arquitectura en 1695, onde da testemuño do seu saber e na que defende a dignidade profesional e científica da arquitectura.
Brillou como organizador de grandes festas públicas con fogos de artificio (conmemoración da visita da raíña María de Neoburg) e fixo tamén unha laboura de enxeñeiro que saneou o urbanismo compostelán