Dublín - Baile Átha Cliath
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
|
|||
Mapa | |||
---|---|---|---|
![]() |
|||
Información | |||
País | Irlanda | ||
Condado de Dublín | Irlanda | ||
Superficie | 114.99 km2 | ||
Poboación | 505.739 (2006) | ||
Densidade | 4.398 hab/km² h/km² | ||
[www.dublincity.iePáxina Oficial] |
Nome en galego: Dublín Nome en gaélico: Baile Átha Cliath Nome en inglés: Dublin (paroxítona)
Índice |
[editar] Historia
[editar] Orixes
Dublín colle o seu nome do gaélico Dubh linn, que significa "estanque escuro", en referencia ó punto onde o río Liffey se xunta co río Poddle. O primeiro asentamento preto deste lugar remóntase a máis de cinco mil anos. A Cristiandade chegou con Saint Patrick (San Patricio) no ano 432 d. C. e comezou así unha idade dourada do catolicismo irlandés que produciu obras de arte relixiosa tan magníficas coma o Book of Kells ("Libro de Kells"), que hoxendía pode verse no Trinity College. A poboación autóctona permaneceu tranquila de visitas estranxeiras ata a chegada dos viquingos no século IX. Malia a rexa resistencia dos irlandeses nativos, os viquingos consolidaron a súa presenza coa victoria na Batalla de Dublín no ano 919 e, por conseguinte, a cidade converteuse nun importante porto comercial do imperio viquingo. Os viquingos foron finalmente superados polos clans gaélicos na Batalla de Clontarf en 1014, pero a súa influencia aínda permanece en topónimos coma "Howth", que procede do nórdico hovud (que significa "promontorio"), ou "Leixlip", do nórdico laxlep (que significa "salto de salmóns").
[editar] O dominio inglés
Os seguintes invasores foron os anglonormandos, enviados por el-rei Henry II ("Henrique II"). Liderados polo conde de Pembroke, máis coñecido coma Strongbow ("forte nó"), chegaron ao Condado de Wexford en 1169. Dublín pronto foi aplastada pola potencia das súas tropas e os normandos axiña se dispuxeron a modificar a faciana da vila. El-rei garantiulle á cidade un foro en 1171 e estableceu a súa corte aquí. Os edificios sobrevivintes máis antigos da cidade datan desta época, incluíndo Christchurch (a igrexa de Christchurch), Saint Patrick's Cathedral (a catedral de San Patricio) e partes do Dublin Castle (Castelo de Dublín). Porén, debido ó feito de que a madeira era a materia prima principal para as súas construcións, restan moi poucos edificios orixinais conservados que se poidan ver hoxendía. Os costumes e a lingua dos ingleses prevaleceron na cidade e na súa contorna, nunha zona que se deu en chamar Pale, pero os potestados irlandeses influían en todas partes (dando lugar á expresión beyond the Pale, "alén do Pale"). Contra 1542, el-rei Henry VIII (Henrique VIII) autoproclamouse rei de Irlanda e Inglaterra, e a Reforma chegou a Irlanda. Por volta do ano 1592, fundouse o College of the Holy and Undivided Trinity of Queen Elizabeth ("Colexio da Indivisa e Sagrada Trindade da raíña Sabela") en terreos expropiados polo priorado de All Hallows ("Tódolos Santos"). Comunmente coñecido coma Trinity College, este centro protestante de ensino desenvolveu unha ilustre tarefa na historia de Dublín durante os últimos catro séculos. Con el-rei Charles I (Carlos I) destronado e a monarquía inglesa abolida, Oliver Cromwell chegou a Dublín cunha enorme exército en 1649, iniciando unha época especialmente salvaxe e sanguiñenta na historia de Irlanda. Trala restauración da monarquía en 1660, Dublín comezou a adoptar a forma coa que a coñecemos agora. Dispuxéronse Saint Stephen's Green e Phoenix Park (a Praza de san Esteban e o Parque Fénix) e erixíronse moitos edificios públicos significativos coma o Royal Hospital (Hospital real) en Kilmainham, agora Museum of Modern Art (Museo de arte moderna). Contra 1685, el-rei católico James II (Xaime II) asentábase no trono e Irlanda axiña se converteu no campo de batalla para unha guerra relixiosa que involucrou á maioría das forzas máis poderosas de Europa. En 1690, el-rei James perdeu na batalla do Boyne contra o protestante William de Orange (Guillermo de Orange) quen se converteu en rei. Os católicos sufriron os efectos das Penal Laws (Dereito penal protestante), a cultura gaélica converteuse en clandestina e sentáronse os alicerces para a loita contra os ingleses pola autonomía irlandesa. Durante o século XVIII iniciouse unha época dourada para Dublín, onde a cidade floreceu tanto fisica coma culturalmente. Parliament House (o Parlamento) que agora é o Bank of Ireland (Banco de Irlanda), Custom House (a Alfándega), Mansion House, Four Courts e Marsh's Library (Biblioteca Marsh) se construíron todos durante este período. Jonathan Swift, o autor de Gulliver's Travels ("As viaxes de Gulliver") volveu á cidade en 1713 para converterse no Deán da Saint Patrick's Cathedral, e o músico Händel estivo en Dublín en 1742 para dirixir a primeira representación do seu "Mesías".
[editar] O xurdimento do nacionalismo
Logo veu un século de revoltas políticas. Daniel O'Connell axudou a conseguir a emancipación católica en 1829 e, xa que se desenvolveu unha clase media católica, Dublín comezou a converterse nunha cidade irlandesa distinta. A cidade logrou escapar ós peores efectos da "epidemia da pataca" que decimou a unha boa parte de Irlanda na década de 1840 e axiña se espallou grazas ós inmigrantes que afluían do rural circundante. No entanto, o efecto da epidemia na campo en conxunto foi devastador: dunha poboación total de oito millóns e medio, aproximadamente un millón morreron de inanición e emigraron arredor dun millón e medio, principalmente a Gran Bretaña e Norteamérica. A epidemia serviu para aumentar os sentimentos antibritánicos e unha abortada rebelión por parte da Irish Republican Brotherhood (Irmandade republicana irlandesa) en 1868 levou a esixir o Irish home rule (Dereito civil irlandés). O caso da autonomía irlandesa foi levado ó parlamento inglés de Westminster polo lider protestante Charles Stewart Parnell. Porén, Parnell morreu en 1891, pero o seu lugar político foi ocupado por dous movementos culturais: a Gaelic League (Unión gaélica), que se estableceu para revitalizar a lingua irlandesa, e o Rexurdimento literario irlandés. William Butler Yeats desenvolveu un papel central na reconstitución do orgullo nacional coa fundación do Abbey Theatre (Teatro Abbey) en 1904, dando prominencia a dramaturgos coma Sean O'Casey e J. M. Singe. Este nacionalismo cultural desembarcou nun nacionalismo político coa creación do Sinn Féin ("Nós mesmos"), un movemento político que avogaba polo boicot do parlamento inglés. Co Reino Unido ocupado na Primeira Guerra Mundial, o Sinn Féin organizou a ocupación de varios edificios estratéxicos por todo Dublín, e declarou a República de Irlanda dende a súa sede central na General Post Office (Oficina central de correos) o luns de Pascua de 1916. O levantamento de Pascua foi abortado tras seis días de loita con vinte mil efectivos das forzas británicas, e 15 dos capitáns rebeldes foron executados. Xurdíu unha onda de simpatía pública e o Sinn Féin asegurouse unha victoria aplastante nas eleccións de 1918. Axiña se seguiu unha guerra de independencia entre os exércitos británico e republicano irlandés e, tras dous anos de loita, Michael Collins asinou un tratado en 1921 do que resultou a creación do Estado Libre de Irlanda, que abranguía a 26 dos 32 condados insulares. Os outros seis condados déronse en chamar Irlanda do norte e permaneceron dentro do Reino Unido. Collins dixo daquela que estaba asinando a súa sentencia de morte e o ano seguinte demostrouse que tiña razón. O tratado provocou a división entre diferentes faccións dentro do Sinn Féin e estoupou unha amarga Guerra civil que durou un ano e implicou a destrución de boa parte da cidade. Eamon de Valera gañou a loita polo control político do novo estado e comezou un período de conservadurismo político que durou ata o final da década de 1950.
[editar] Irlanda independente
Irlanda declarouse república en 1949, pero non foi ata finais da década de 1960 cando Dublín comezou a expandirse cara afóra. De Valera retirouse para asumir o posto honorífico de Presidente de Irlanda mentres que o novo Taoiseach (Primeiro ministro) Sean Lemass tomou posesión e comezou o proceso de modernización e industrialización do país. Quizais o momento máis definitorio da historia recente de Dublín foi a entrada de Irlanda na CEE en 1973. Irlanda transfomouse nos últimos trinta anos dun país predominantemente agrícola a unha economía industrial vibrante. Dublín é hoxendía unha moderna capital europea que presume dunha poboación nova e ben preparada, atractiva para moitos investimentos estranxeiros. A igrexa e o goberno veñen distanciándose cada vez máis como evidencia o resultado do referendum de 1995 a favor do divorcio, e a flexibilización das leis relativas á homosexualidade ou o aborto. As iniciativas gobernamentais para establecer o International Financial Services Centre ("Centro de servizos financeiros internacionais") no corazón da cidade tivo éxito dabondo para atraer moitos dos maiores bancos de investimento mundiais e Dublín agora se sitúa coma un importante centro financeiro. Irlanda tamén é punteira en tecnoloxía da información e electrónica, e Dublín converteuse nun importante centro europeo para a produción de programas informáticos. O progreso económico dos últimos dez anos foi sorprendente, e o "tigre celta" agora tén unha renda per cápita superior á de Gran Bretaña por primeira vez na historia de Irlanda. Porén, este proceso de modernización trouxo problemas ademais de beneficios. Prosperou unha cultura da droga e do crime organizado paralelamente ó resto da economía, malia a loita levada a cabo polo goberno. Conducir pola cidade habitualmente tén lugar a unha velocidade que está entre lenta e nula. Inda así, Dublín por fortuna conserva boa parte da calidez e grandiosidade da época xeorxiana. Para unha cidade cunha poboación de case un millón de habitantes, permanece compacta e encantadora, e os lugares de interese están a unha distancia dabondo como para dar un paseo. Este factor, xunto coa súa rica tradición literaria e a reputación de exhubernacia moza e de amistosa benvida, converteuna nun dos destinos turísticos favoritos en todo o mundo.
[editar] Topónimos de Dublín
1 centro norte | Abbey St., Amiens St., Capel St., Dorset St., Henry St., Mountjoy St., Nort Wall, O'Connell St., Parnell Sq., Summerhill, Talbot St. |
2 centro sur | Baggot St. Lr., College Gr., Dawson St., Fitzwilliam Sq., Harcourt St., Kildare St., Lord Edward St., Merrion Sq., Mount St. Upr. & Lr., Nassau St., Pease St., St. Stephen's Gr., Sth. Gt. Georges St. |
3 norte | Ballybough, Cloniffe, Clontarf, Dollymount, East Wall, Fairview, Marino |
4 sur | Ballsbridge, Baggot St. Upr., Donnybrook, Irishtown, Merrion, Pembroke, Ringsend, Sandymount |
5 norte | Artane, Coolock, Hammonstown, Raheny |
6 sur | Dartry, Ranelagh, Rathmines, Rathgar, Sandford, Terenure Rd. E |
6W sur | Domvilles, Willington, Rossmores, Glendowns, Kimmage Rd. Lr., Wainsfort, Harold's Cross Rd., Terenure Rd. N & W |
7 norte | Arbour Hill, Cabra, Philsboro, Four Courts |
8 sur | Dolphins's Barn, Inchicore, Island Bridge, Kilmainham, Merchant's Quay, Portobello, S. C. R., The Coombe |
9 norte | Beaumont, Drumcondra, Elm Mount, Griffith Avenue, Santry, Whitehall |
10 sur | Ballyfermot |
11 norte | Ballygall, Cappagh, Cremore, Dubber, Finglas, Jamestown, Kilshane, Wadelai; |
12 sur | Bluebell, Crumlin, Drimnagh, Walkinstown; |
13 norte | Baily, Baldoyle, Bayside, Donaghmede, Sutton, Howth; |
14 sur | Churchtown, Dundrum; Goatstown, Roebuck, Windy Arbour; |
15 norte | Blanchardstown, Castleknock, Clonee, Clonsilla, Corduff, Mulhuddart, Porterstown; |
16 sur | Ballinteer, Cruagh, Edmundstown, Kilmashoge, Knocklyon, Rockbrook, Whitechurch; |
17 norte | Belcamp, Balgriffin, Clonshaugh, Priorswood, Darndale, Riverside; |
18 sur | Ballyongan, Cabinteely, Carrickmines, Cornelscourt, Foxrock, Kilternan, Sandyford, |
20 sur | Chapelizod, Palmerstown; |
22 sur | Bownogue, Clondalkin, Neilstown; |
24 sur | Bohernabreena, Firhouse, Jobstown, Kilnamanagh, Oldbawn, Tallaght; |
Dublín exterior sur 1 | Booterstown, Williamstown, Seapoint, Salthill, Monkstown, Mount Merrion, Blackrock, Stillorgan, Kimacud, Deans Grange, Newtown Park; |
Dublín exterior sur 2 | Sandycove, Mounttown, Sallynoggin, Galsthule, Dun Laoghaire, Gleangeary, Kill-O-The-Grange, Dalkey, Killliney, Ballybrack; |
St.=Street, Sq.=Square, Gr.=Green, Lr.=Lower, Upr.=Upper, Sth.=South, Rd.=Road
[editar] Etimoloxía dos topónimos de Dublín
Nos topónimos mencionados da capital irlandesa, hai certas reitaracións que compre mencionar:
- A forma Sand-, que significa "area" ou "areal": Sandymount (4), Sandford (6), Sandyford (18), Sandycove (D.E.S.2) e quen sabe se Santry (9);
- O inicio coa forma Ball(y)-, coma en Ballybough (4), Ballyfermot (10), Ballygall (11), Ballinteer (16), Ballyongan (18), Ballybrack (D.E.S.2) e posiblemente tamén Ballsbridge (4), Baldoyle (13) e Balgriffin (17): en inglés ball significa "bóla";
- O final coa terminación -try, coma en Santry (9) e Dartry (6);
- A terminación xenérica (moitas veces fosilizada na ortografía) -gh, que non é máis cá a transcrición inglesa dun son gaélico: Ranelagh (6), Philsboro[ugh] (7), Cappagh (11), Drimnagh (12), Donaghmede (13), Cruagh (16), Clonshaugh (17), Kilnamanagh (24) e Tallaght (24);
- O final en -ore de Rossmores (6W), Inchicore (8), Cremore (11), ¿Philsboro (7)?, etc.;
- O inicio con Kil- coma en Kilmainham (8), Kilshane (11), Kilmashoge (16), Kilternan (18), Kilnamanagh (24), Kimacud (D.E.S.1), Killliney (D.E.S.2) e Kill-O-The-Grange (D.E.S.2), existente en toda Irlanda e utilizado tamén para Kildare St. (2);
- O remate en -f coma en Cloniffe (3), Clontarf (3) ou Corduff (15);
- O comezo mediante Clo- coma en Cloniffe (3), Clontarf (3), Clonee (15), Clonsilla (15) ou Clonshaugh (17), Clondalkin (22),;
- O comezo con Rath-, coma en Rathmines ou Rathgar (e posiblemente Ranelagh), coincidindo todos xuntos no distrito 6;
Inda que non é totalmente fiable a ortografía e habería que facer unha análise contemplando as variedades dialectais na pronuncia destes topónimos, estas xeralizacións poden tomarse inicialmente coma válidas partindo da base de que tanto o inglés coma o gaélico escriben con ortografías moi conservadoras e conservan na escrita trazos fonéticos que pode que xa estean perdidos. Os resultados máis visuais deste primeiro estudo xurden dos formantes prefixais Sand[y] ou Bal[ly] probablemente xermánicos e Clo- ou Kil- posiblemente célticos. Entre os nomes que poderían soar familiares para un oído estranxeiro poden distinguirse Marino (3), Cabra (7), ¿Clonsilla (15)?, Portobello (8) e, para quen distinga o francés, Beaumont (9) e Belcamp (17).