Enrique Líster
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Enrique Líster Forján (Ameneiro, aldea do concello de Teo, A Coruña, 21 de abril de 1907 — Madrid, 8 de decembro de 1995). Persoeiro galego, militante comunista e dirixente militar republicano durante a Guerra Civil Española.
Canteiro de profesión, emigrou a Cuba ós once anos, retornando a España en 1925, cando ingresa no Partido Comunista de España. Dedicado a actividades revolucionarias, ó proclamarse a república, envíaselle a Moscova para recibir cursos de formación militar na Academia Militar de Frunze (1932-1935). Á súa volta, en 1936, encargouse de organizar células comunistas dentro do exército.
Ó estourar a guerra, organizou o V Rexemento, a primeira escola militar para formación de milicianos. Encargado da defensa dun sector da cidade durante a Batalla de Madrid, ó mando da 1ª Brigada Mixta do Exército Popular español, foi posteriormente o responsábel da 11ª División, trocándoa na máis selecta unidade republicana, encargada de soportaren os peores combates en Brunete, Belchite e Teruel. Ordenóuselle o mando do V Corpo de Exército (Divisións 11ª, 45ª e 46ª), durante a Batalla do Ebro, encargándose do sector sur (Sierra Pàndols e Fatarella) que foi o que recibiu o peso das ataques franquistas.
Trala caída de Cataluña, pasou a Francia, onde o ascenderon a coronel e retornou á zona centro, pero sen mando de tropa pola rebelión do coronel Casado.
Exiliado na URSS, loitou no exército soviético contra os nazis na II Guerra Mundial, alcanzando o grao de xeneral.
Formou parte da cúpula do PCE (Partido Comunista de España) ata a crise de 1968, na que por apoiar a postura soviética na invasión de Checoslovaquia, en contra da liña de Santiago Carrillo, abandonou o partido, fundando o Partido Comunista Obrero Español (PCOE), de liña estalinista.
En 1977 retornou do exilio, reingresando no PCE en 1986.
As súas experienzas da Guerra Civil recóllense nos libros Nuestra guerra (A nosa guerra) (1966) e Memorias de un luchador (Memorias dun loitador) (1977).