Iván Goncharov
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Iván Aleksándrovich Goncharov (Иван Аллександрович Гончаров.) escritor ruso. Simbirsk 6 (18 no calendario xuliano) de xullo de 1812, San Petersburgo15 (27) setembro de 1891 Coñecido sobre todo pola súa novela Oblómov que relata a historia dun home que decide voluntariamente non erguerse da cama, e que foi tomada como símbolo da decadencia dunha parte da sociedade rusa.
Índice |
[editar] Vida
[editar] Educación
Iván Goncharov era fillo dun rico comerciante de cereais, que tivo responsabilidades políticas na cidade e morreu cando Goncharov tiña só sete anos. Foi Avdotia Matveena, súa mai, quen se ocupou da educación primaria do fillo. Estudiou francés e alemán e, xa de neno, era un lector apaixonado, que lía a Lomonosov, Zhukovski, Voltaire e Rousseau. En 1822 entrou na escola de comercio en Moscova, e .en 1831, entrou na facultade de filoloxía da Universidade de Moscova na que foi testemuña dunha conferencia de Aleksandr Pushkin, que o encheu de admiración. Na universidade estaban naquel tempo tamén Belinski e Mikhaíl Leormontov cos que non tivo ningunha relación. Durante os anos de universitario publícanse as súas primeiras experiencias literarias: algunhas traduccións do francés.
[editar] O funcionario
Acabada a universidade marcha a Simbirsk para servir na chancelería do gobernador entre os anos 1834 e 1835. No verao de 1835 viaxa a San Petersburgo, onde traballou dez anos como pequeno funcionario no ministerio de finanzas. Estes anos servíronlle para coñecer de cerca o mundo da burocracia e dos comerciantes, experiencia que lle ía servir como material literario. Confesaba dedicar tódalas horas mortas do traballo á literatura. Nos anos 1838 e 1839 aparecen publicadas algúns poemas seus de ton románticos e os seus primeiros relatos humorísticos coma “Erro afortunado” (Schastlibaia oshibka ). Traballar de profesor particular nunha familia peterburguesa, permitiulle entrar en contacto con xente do mundo literario. Coñece a Belinski que ía influír moito no seu desenrolo persoal. A súa primeira novela “Unha historia común” (Obyknobennaia istoria) de 1847 ,foi moi ben recibida pola crítica, valeulle o recoñecemento público e permitiulle deixar atrás as dúbidas sobre a súa capacidade para ser escritor. A obra trata do conflicto entre a nobreza a emerxente clase dos comerciantes, e foi valorada como un intelixente ataque ó romanticismo e o sentimentalismo. A seguinte novela que publicou foi “Iván Savitsch Podjabrin” (1848, un estudio filosófico-naturalista.
[editar] A frágata Palada
Goncharov, amante desde a infancia da literatura de viaxes, manifestara sempre o seu desexo de viaxar ó estranxeiro, mais a decisión de envialo en 1852 ó Xapón en barco co cargo de secretario do almirante da expedición, provocoulle certa inquedanza. . Durante os dous anos seguintes estivo en Inglaterra, África do Sur, Singapur, China e finalmente en Nagasaki, o único porto xaponés aberto os estranxeiros. Esta viaxe e o accidentado retorno a Petersburgo por terra (a guerra con Inglaterra fixo imposible a vía marítima) atravesando Siberia foron a base para o libro de impresións de viaxe editado co titulo de “A fragata Palada” (1858).
[editar] O censor
En 1856 concederonlle o cargo de censor literario, o que se engadía a tarefa de ensinar literatura rusa o príncipe herdeiro, o que provocou o desprezo dos seus antigos coñecidos de ideas liberais. Permitiu a edición das daquela prohibidas “Notas dun cazador” (Zapisok oxhotnika) de Iván Turgenev , dun libro de poemas de Nekrasov e da novela de Pisemski “Mil almas” (Tysacha dush), pero foi moi estricto cos publicacións de ton radical e as relacións cos seus colegas literarios empeoraron. Goncharov rexeitaba que o considerasen un liberal e era totalmente contrario ós socialistas democráticos. Aborrecido co endurecemento das normas de censura deixa ó ano seguinte, o seu cargo de censor, por ben que, posteriormente, foi de novo chamado a un posto de moita responsabilidade no departamento de censura, que non deixou definitivamente ata 1867.
[editar] Oblomov
A súa obra máis importante e coñecida “Oblomov” apareceu o ano 1859 e tivo un éxito enorme, proporcionándolle ó autor uns ingresos de 10.000 rublos. A sona da novela espallouse polos círculos cultivados rusos e a obra provocou un intenso debate. As interpretacións da obra son múltiples. A inacción e indolencia do protagonista foron vistos por algúns coma símbolo da situación de estancamento da sociedade rusa da época e foi con este sentido que a palabra “oblomovismo” se incorporou a lingua rusa. Oblomov transformouse nun dos mitos da literatura rusa.
A súa última novela “A queivanca” (Obryv) que escribira durante case vinte anos apareceu no ano 1868. Antes da edición lera xa fragmentos dela a Iván Turgenev a quen despois acusou de plaxialo na súa novela “Pais e Fillos” (Otsy i Dieti). As continuas sospeitas de ser plaxiado de Goncharov (que acusou mesmo a Flaubert de aproveitar informacións sobre a súa obra que tería recollidas de Turgenev) son se cadra unha proba dos problemas psicolóxicos de Goncharov nos seus últimos anos., que pasou enfermo e en total retiro. Morreu e esta enterrado en San Petersburgo.