Jorge Semprún
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Jorge Semprún Maura (Madrid 10 de decembro de 1923) é un escritor, político e cineasta español, aínda que a maior parte da súa obra realizouna en lingua francesa.
Jorge Semprún naceu nunha familia republicana: o seu avó era Antonio Maura. Xa dende moi novo, frecuentou os ambientes culturais e filosóficos da época grazas ás amizades do seu pai.
En febreiro de 1939 a súa familia exiliouse en Francia, país co que estaban bastante vinculados. Iniciou os seus estudos de Filosofía na Sorbona, estudos que se viron interrompidos pola ocupación alemá de Francia. A partir de 1941, Semprún ingresou nas ringleiras da Resistencia. Colaborou en accións de sabotaxe ata que foi capturado pola Gestapo en setembro de 1943. Tiña 19 anos pero por mor das súas actividades subversivas foi internado no campo de exterminio de Buchenwald ata que o campo foi liberado polas tropas de Patton o 11 de abril de 1945. Esta experiencia marcaría grande parte da súa vida e da súa obra.
En 1952 afiliouse ó Partido Comunista de España. Rapidamente ascendeu ó comité central en 1954 e posteriormente ó comité executivo en 1956. Durante anos viviu na clandestinidade en España, onde ocupou cargos directivos. Non obstante, en 1965 foi expulsado do PCE por disentir da liña oficial marcada por Santiago Carrillo e Dolores Ibarruri "La Pasionaria".
Índice |
[editar] Inicios da carreira literaria
Trala súa expulsión, Semprún instalouse en Francia e iniciou a súa carreira literaria. Pronto acadou o prestixioso premio Formentor por El largo viaje, a partir das súas vivencias durante a súa deportación a Buchenwald. A esta novela seguiríanlle: La segunda muerte de Ramón Mercader (1969) coa que gañou o premio Fémina, Aquel domingo (1980), La algarabía (1981), La montaña blanca (1986) e Nechaiev ha vuelto (1987). Todas estas obras escribiunas en francés, case a súa lingua materna. Só por traducións foron coñecidas en España.
En castelán escribiu Autobiografía de Federico Sánchez (1977), coa que gañou o premio Planeta e que versaba sobre a súa militancia comunista e os seus anos na clandestinidade en España (época durante a cal un dos seus nomes falsos foi Federico Sánchez).
[editar] Guións de cine
Tamén escribiu algúns guión de cine: Z (Costa-Gavras), A confesión (Costa-Gavras), O atentado (Y. Boisset), As rutas do sur (J. Losey), case todos filmes de contido político. Descata sobre todo A guerra terminou (La guerre est finie, Alain Resnais), película autobiográfica sobre os seus anos na clandestinidade da loita comunista en España. Tamén dirixiu, a partir do seu propio guión, As dúas memorias (1973).
[editar] En España: os anos do recoñecemento
En 1988 Jorge Semprún foi nomeado Ministro de Cultura por Felipe González, daquela presidente do goberno de España. Permaneceu no cargo ata 1991. Sobre esta experiencia no goberno escribiu Federico Sánchez se despide de ustedes. No ano 1994 foi recoñecido co Premio da Paz da Feira do Libro de Frankfurt. En 1995 publicou un dos seus mellores libros, o ensaio autobiográfico La escritura a la vida, na que remomora os seus padecementos no campo de Buchenwald e o seu regreso á "normalidade" trala liberación.
En 1996 foi elexido membro da francesa Academia Goncourt en homenaxe pola súa dedicacións ás letras francesas. En 1997 outorgóuselle o premio Xerusalén de Literatura. En 1999 recibiu o premio Nonino.
[editar] Bibliografía
- 1963 : A longa viaxe (Le grand voyage).
- 1967 : O desvanecemento (L'évanouissement).
- 1969 : A segunda morte de Ramón Mercader (La deuxième mort de Ramón Mercader).
- 1980 : Aquel domingo (Quel beau dimanche!).
- 1991 : A albarabía (L'Algarabie).
- 1986 : A montaña branca (La montagne blanche).
- 1987 : Netchaiev volveu (Netchaïev est de retour).
- 1977 : Autobiografía de Federico Sánchez.
- 1993 : Federico Sánchez despídese de vostedes (Federico Sánchez se despide de ustedes).
- 1994 : A escrita ou a vida (L'écriture ou la vie).
- 1998 : Adeus luz de veráns (Adieu, vive clarté... blanche).
- 2001 : O morto que fai falta (Le mort qu'il faut).
- 2002 : Vivirei co seu nome, morrerá co meu (Viviré con su nombre, morirá con el mio).
- 2003 : Vinte anos e un día (Veinte años y un día).
[editar] Filmografía
Participou como guionista (salvo onde se indica o contrario) nas seguintes longametraxes:
- 1966 : Obxectivo 500 millóns (Objectif 500 millions de Pierre Schoendoerffer).
- 1966 : A guerra rematou (La guerre est finie de Alain Resnais).
- 1969 : Z de Costa-Gavras.
- 1970 : A confesión (L'aveu de Costa-Gavras).
- 1972 : O atentado (L'Attentat de Yves Boisset).
- 1974 : As dúas memorias (Les Deux mémoires, guión e dirección).
- 1974 : Stavisky de Alain Resnais.
- 1975 : Sección especial (Section spéciale de Costa-Gavras).
- 1976 : Unha muller na súa xanela (Une femme à sa fenêtre de Pierre Granier-Deferre).
- 1978 : As rotas do sul (Les Routes du sud de Joseph Losey).
- 1986 : As beirarrúas de Saturno (Les Trottoirs de Saturne de Hugo Santiago).
- 1991 : Netchaiev voltou (Netchaïev est de retour de Jacques Deray : adaptación da novela realizada por Dan Franck e Jacques Deray).
- 1995 : O caso Dreyfus (L'Affaire Dreyfus de Yves Boisset, para TV).
- 1997 : K de Alexandre Arcady.
[editar] Premios
- 1964 : Premio Formentor por A longa viaxe.
- 1969 : Premio Fémina (Francia) por A segunda morte de Ramón Mercader.
- 1977 : Premio Planeta por Autobiografía de Federico Sánchez.
- 1994 : Premio da Paz dos libreiros alemáns (Feria do libro de Frankfurt).
- 1994 : Premio Fémina Vacaresco por A escrita ou a vida.
- 1997 : Premio libertade (Feria do libro de Xerusalén).
- 1999 : Premio Nonino.
- 2003 : X Premio Blanquerna (Generalitat de Catalunya).
- 2003 : Medalla Goethe (Instituto Goethe de Weimar).
- 2004 : Premio José Manuel Lara por Vinte anos e un día.