José Sánchez Guerra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
José Sánchez Guerra (Córdoba, 28 de junio de 1859 - Madrid, 26 de enero de 1935) foi un político español. Varias veces ministro, chegaría a ser Presidente do Goberno de marzo a decembro de 1922.
[editar] Biografía
Comeza a súa carreira política en 1886 saíndo elixido deputado por Cabra (Córdoba) polo Partido Liberal. Posteriormente abandonaría o partido liderado por Sagasta, pasándose ó Partido Conservador de Antonio Maura. Entre 1903 e 1904 exerceu como Ministro da Gobernación. En 1908, Maura preferiu a Juan de la Cierva para ese posto, polo que Sánchez Guerra pasou a ocupar a carteira de Fomento.
Durante as diversas crises a que se viu sometido o Partido Conservador, Sánchez Guerra tentou manterse á marxe. Volveu aceptar encargarse do Ministerio de Gobernación en 1913-15 e 1917, nos gobernos presididos por Eduardo Dato. Á súa morte sucédense varios gobernos conservadores. Un deles presídeo Sánchez Guerra entre marzo e decembro de 1922. Nel agrúpanse mauristas, conservadores e membros da Lliga Catalana. Tentou acabar co terrorismo patronal en Barcelona destituíndo o gobernador civil, Severiano Martínez Anido, tolerante cos pistoleiros e duro represor dos grupos anarquistas barceloneses. O asasinato de Dato propiciara a permisividade de Martínez Anido, que se convertera nun dos principais atrancos para a recuperación da paz social. A discusión do expediente Picasso que informaba sobre o Desastre de Annual precipitou a súa caída.
Coa instauración da ditadura de Primo de Rivera, Sánchez Guerra pasou á oposición. Crítico coa ditadura, exíliase a Francia en 1927. Retorna a España para encabezar en Valencia unha conspiración militar contra o ditador o 29 de xaneiro de 1929. Tras resultar un rotundo fracaso, negarase a fuxir, sendo detido. Foi sometido a un consello de guerra pero resultou absolto en novembro, contribuíndo así ó desprestixio da ditadura e da monarquía.
A pesar da súa posición crítica e hostil co rei Alfonso XIII, despois da caída do goberno de Dámaso Berenguer, aceptou o encargo do rei de formar goberno. A súa tentativa de tender unha ponte entre monárquicos e republicanos, a través dun pacto cos membros do Comité Republicano detidos a raíz dos sucesos de Jaca, acabou sen éxito. O 17 de febreiro renuncia a formar goberno e ó día seguinte o almirante Aznar presidirá o novo goberno constituído unicamente por monárquicos. O 27 de febreiro de 1930 pronuncia un discurso no Teatro da Zarzuela de enorme repercusión pública no que recoñece o dereito de España a ser República. A pesar de saír elixido deputado por Madrid dentro do grupo conservador de "Apoio á República" nas eleccións a Cortes Constituíntes o 28 de xuño de 1931, viuse obrigado a abandonar a política por razóns de saúde. Faleceu en Madrid en 1935.
Predecesor: Antonio Maura |
Presidente do goberno de España 1922 |
Sucesor: Manuel García Prieto |
[editar] Obra
Ademais de avogado, Sánchez Guerra exerceu a profesión de xornalista. Foi director de diferentes publicacións periódicas, entre elas, La lberia (1885), a Revista de España (1888) e El Español (1898).