Peixe
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os peixes son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase Ictioloxía.
O grupo dos peixes é un taxón parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxón (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción básease nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas. O grupo é moi heteroxéneo e inclúe formas tan dispares como as lampreas, os tiburóns ou os atúns, totalizando perto de 30.000 especies.
[editar] Evolución
Os peixes orixináronse a partir doutros cordados contra o comezo do Cámbrico. Non se sabe con seguridade onde fixar a súa orixe; o grupo máis primitivo dos peixes, os agnatos —que non posúen mandíbulas— comprende segundo a maioría das clasificacións as lampreas e os mixinas, mais estes últimos, segundo algúns científicos, non son verdadeiros vertebrados, xa que as lampreas posúen unhas características que comparten dunha ou outra maneira co resto de vertebrados e que non comparten cos mixíns.
A gran maioría das especies hoxe existentes pertencen a dous grupos (ás veces considerados clases, ás veces superclases): os condritios ou peixes cartilaxinosos, que inclúen tiburóns, raias e quimeras, caracterizados por posuír fendeduras branquiais externamente visíbeis e un esqueleto composto só de cartílaxe; e os osteitios, con esqueleto óseo e branquias protexidas mediante un opérculo. Moitas diferenzas morfolóxicas, anatómicas e fisiolóxicas diferencian ambos os grupos. Os condritios son un grupo de vertebrados moi primitivos, mais moi exitosos evolutivamente, xa que os tiburóns son animais antiquísimos que non cambiaron moito desde a súa orixe e que hoxe en día seguen sendo un grupo moi ben adaptado ao mundo.
Os vertebrados terrestres (tetrápodos) diferenciáronse a partir de peixes emparentados co celacanto ou os peixes pulmonados, e algunhas das primeiras formas están a metade de camiño entre o noso concepto de peixe e o de anfibio.
Os peixes, así como outros organismos acuáticos, poden clasificarse ecoloxicamente pola súa tolerancia a distintas salinidades, en eurihalinos ou estenohalinos, así como por outros aspectos da súa adaptación.
[editar] A presenza dos peixes na cultura popular
Caír coma un peixe: caer inesperadamente.
Nin rabo de peixe: non quedar nada, non ter nada.
Ser bo peixe: ser pouco de fiar ou mao de controlar.
Non hai mellor rede que a que pilla o peixe.
O home e a pesca, ós tres días apesta.
O peixe grande sempre come ó pequeno.
Peixe algareado, cambio de tempo.
Peixe con ollos, á caixa.
Peixe con ollos, ó caldeiro.
Pola boca morre o peixe.