Río Xallas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O río Xallas pertence á vertente atlántica galega. Nace no monte Castelo (Coristanco), discorre polos concellos de Coristanco, Santa Comba, A Baña, Zas, e forma o límite entre Mazaricos, Carnota e Dumbría. Finalmente, desemboca na enseada do Ézaro formando unha fervenza rodeada de espectaculares microformas graníticas no Monte Pindo. As augas céibanse os domingos do verán ao mediodía e, desde 2006, os sábados á noite, con espectáculo de luces.
Algúns dos seus afluentes son: O Bazar, Castiñeira, A Regueira, Mira, Esternande, Ancha, Dornas, Guisande, Vilar García...
Boa parte do seu curso, o caudal do Xallas mantense constante por causa dos numerosos encoros que nel se teñen construído. En 1897, a Sociedade Española de Carburos Metálicos asentouse na zona e daquela datan as primeiras construcións para obter enerxía. O encoro máis importante é o de Fervenza, construído na década dos anos 60 do século XX. En Ponte Olveira hai outra central. Máis abaixo, da presa de Brazal parten as canalizacións cara Ézaro; máis abaixo, atópase o embalse de Santa Uxía, construído na década dos anos 80. Na súa desembocadura están situadas tres centrais hidroeléctricas: Castrelo, Santa Uxía e Pindo, esta última de principios do século XX.