Raimundo de Borgoña
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Magnate borgoñón que gobernou o Reino de Galicia por doazón feudal do rei de León Afonso VI. Fillo de Guillerme I de Borgoña e familiar directo do Papa de Roma Calixto II
Índice |
[editar] Cruzada
A invasión almorávide do sur da España medieval e a noticia drámática da derrota de Afonso VI en Zalaca e Uclés levouno a acudir en defensa dos reinos cristiáns peninsulares no ano 1086. Tropas francas e borgoñonas e continxentes poboacionais de alén Pirineos baixo o seu mando reforzaron as fronteiras entre a España cristiá e a musulmana. Era un momento en que en Europa se vivia con entusiasmo o espirito das Cruzadas.
[editar] Goberno do Reino de Galicia
En 1091, casou coa princesa Urraca (totia gallecie Imperatrix). O rei Afonso VI tiña enormes dificultades en Galicia tralo encarceramento de García de Galicia. Tivo que destituír ao bispo compostelán Diego Páez e sofocar a sangue e lume unha rebelión do magnate Rodrigo Ovéquiz. Para poñer remedio a esta situación cedeu ao Conde Raimundo o goberno destas terras.
Raimundo de Borgoña puxo orde á situación confiando os asuntos composteláns a Diego Xelmírez e liderando con man firme á inqueda nobleza galaico-portuguesa. Impartiu xustiza, recadou impostos, outorgou foros e privilexios e organizou exércitos. Garantiulle ao rei leonés a súa lealdade estabilizándolle a retagarda noroccidental dos seus reinos. Da autoridade que acadou son testimuño as fontes que o denominan totius Galletie imperator e in urbe Gallecia regante. Aparecía, asemade, como o máis claro sucesor ao trono leonés.
[editar] Fiel a Afonso VI
O monarca leonés confioulle importantes tarefas militares e de goberno alén da Galicia actual. En 1094 Raimundo exerce o seu dominio sobre a cidade de Zamora e máis tarde aparece conquistando ou repoboando núcleos tan salientables como Avila, Segovia e Salamanca.
Os seus éxitos guerreiros víronse embazados pola derrota en Malagón fronte aos almorávides, nembargantes conseguiu consolidar as fronteiras.
[editar] Nace unha dinastía real
A súa morte prematura non impediu que con el nacese a estirpe real Borgoñona. Diego Xelmírez e o conde Pedro Froilaz de Traba, os novos señores de Galicia, defenderán os dereitos do seu fillo Afonso Raimundez. O proclamarán rei de Galicia en 1111 e porán as bases para o seu ascenso á dignidade imperial leonesa como Afonso VII. Ata os Trastamara os reis de Castela e León son de directa descendencia borgoñona.
O seu sartego está no Panteón Real da capela das reliquias da catedral de Santiago de Compostela.