Diego Páez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Diego Páez foi unha das figuras máis salientables da nobreza eclesiástica da Galicia medieval. Foi bispo de Santiago de Compostela, e contribuiu á grandeza da diocese e do Señorío de Santiago no século XI.
[editar] Goberno en Compostela
Foi designado como bispo logo de ser apreixado o rei García de Galicia polo seu irmán o rei de Léon Afonso VI. Porén, foi sempre sospeitoso de apoiar o malfadado rei galego.
Acometou a reorganización dos extensos territorios do Señorío feudal de Santiago. Este posesión feudal abranguía as terras entre o río Iso e o Atlántico. Esforzouse por mellorar a xustiza, a administración e a defensa militar fronte os ataques normandos e os conflitos interiores.
Acuñou moeda e deu un importante pulo ao intercambio comercial.
Aplicou medidas contra a indisciplina do clero, chegou a acordos co mosteiro de Antealtares Concordia de Antealtares e limitou a expansión do poderío benditino do Mosteiro de San Martiño Pinario.
Iniciou, ao redor do ano 1075, as obras da gran catedral románica de Santiago. A anterior fora destruída polas incursións devastadoras do caudillo musulmán Almanzor durante os días do rei galego Bermudo II. A través da escola catedralicia atraería o máis florido da cultura europea do momento. Puxo as obras baixo a dirección do mestre Bernardo. Impulsou as peregrinacións a través do Camiño de Santiago ata facer delas un fenómeno de escala continental.
Considéraselle un dos impulsores da reforma gregoriana nos reinos hispánicos
[editar] Liortas políticas
Dende a súa fasquía de figura política, salienta o seu enfrontamento co rei de León Afonso VI. Ao reconquistar este monarca a taifa de Toledo (1085), Páez tentou que a vella capital visigótica non fose a nova cabeceira eclesiástica e política dos reinos cristiáns. Santiago de Compostela arelaba ocupar esa posición como sé apostólica e meta de cristiandade xacobea dende Armenia ata Fisterra. Pero nin a galega sé de Braga, nin a castelá de Toledo estaban dispostas a ceder o que entendían que eran os seus dereitos históricos. Braga fora restaurada polo rei García de Galicia; Toledo érao agora por Afonso VI de León.
Semella que se viu envolto no levantamento do líder da nobreza galega Rodrigo Ovéquiz. Este foi un conflito violento que o rei leonés tardou dous anos en sofocar. Estas axitacións, animadas tanto dende a nobreza laica como eclesiástica, determinaron ao monarca a dividir o reino de Galicia en dúas tenzas feudais. Unha, baixo o mando do conde Raimundo de Borgoña e a súa filla Urraca (totia Gallecia Imperatrix) ao norte do río Miño. Outra, baixo Enrique de Borgoña e súa filla ilexítima Tereixa nas terras portucalenses.
[editar] Acusación e caída
Neste clima de inestabilidade política, Diego Páez sofre a acusación de treizón. Semella que conspirou para restaurar a independencia do reino de Galicia coa alianza do caudillo normando Guillerme o Conquistador.
Esta acusación tivo como consecuencia a súa deposición no Concilio de Husillos (1088). Asemade foi encarcerado e humillado por Afonso VI. O papa Urbano II desautorizou fulminantemente o monarca e confirmou o bispo na súa sé de Santiago de Compostela.
As presións da corte castelá-leonesa e do arcebispo Bernardo de Toledo acadaron que Páez fose finalmente despoxado da súa diocese. O Papa, porén, dispuxo que podía exercer o ministerio episcopal no caso de que outra diocese o chamase. Posto en liberdade, acabou os seus días no desterro. O primeiro arcebispo de Compostela Diego Xelmírez levou ben aprendida a lección e recoñecería os seus méritos.