Sócrates
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras persoas que tamén se chaman Sócrates, consulte Sócrates (homónimos)
Sócrates foi un célebre e controvertido filósofo grego que viviu en Atenas entre o 469 e o 399 a.C. Aínda que non deixou nada escrito coñecemos das súas doutrinas polas testemuñas, principalmente, de Platón (que ten a Sócrates como principal personaxe dos seus Diálogos), Xenofonte (militar ateniense que deixou información sobre Sócrates no escrito Memorables) e Aristófanes (escritor grego que ridiculiza a Sócrates na comedia As nubes).
Serviu como soldado hoplita na Guerra do Peloponeso (na batalla de Potidea) e nas batallas de Delio e Anfípolis, sendo recoñecido polos seus concidadáns polo valor e a resistencia física mostrada. No ano 399, despois dun breve paréntese do goberno oligarca dos Trinta Tiranos, foi condenado a morte polo goberno demócrata de Trasíbulo. Os cargos esgrimididos foron "impiedade" e "corrupción da xuventude".
A pesar de non escribir nada, exerceu unha enorme influencia sobre o pensamento do seu tempo. Ademais de Platón, destacan as chamadas escolas socráticas: a cínica, a megárica e a cirenaica.
Pensamento socrático
A filosofía socrática é unha reconstrucción a partir das opinións reflectidas por Platón non seus diálogos. Este preséntao como un pensador oposto ós sofistas e preocupado por buscar virtudes morais obxectivas e que, polo tanto, non estean sometidas a criterios de conveniencia ou ó poder do máis forte. Estas virtudes hai que buscalas a través do coñecemento ou saber. Do mesmo xeito que para ser un bo zapateiro é necesario saber en que consiste un zapato, para ser un cidadán bo e xusto hai que saber tamén que é a Bondade e a Xustiza. No saber, polo tanto, atoparíase a virtude moral. Virtude e coñecemento, en consecuencia, serían o mesmo para Sócrates. Esta doutrina coñécese con nome de intelectualismo moral.
O método socrático para acadar o saber consistía, primeiro, en recoñecer a propia ignorancia. E para que os demais fixesen o mesmo interrogábaos persistentemente ata conseguir que tamén eles tomasen conciencia da súa ignorancia. A partir de aí o proceso tería que continuar como unha pescuda en común coa esperanza da obter a verdade obxectiva sobre o asunto que se estivese a tratar. Segundo Aristóteles, o diálogo socrático tomaba como medio o argumento inductivo, e como meta a definición das esencias.