Simón Rodríguez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Este artigo debe incluir o material procedente de Simón Rodriguez
Simón Rodríguez, un dos máis prestixiosos arquitectos barrocos, naceu en Santiago de Compostela en 1679, falecendo na mesma cidade en novembro de 1751. Ás veces asinou como Simón Rodríguez de Castroverde.
Nos seus inicios debeu ser carpinteiro, figurando como tal nas listaxes de artistas que traballan na construcción do baldaquín no altar maior da catedral compostelana, sob a dirección de Domingo de Andrade. Alí puido atoparse con Fernando de Casas Novoa, con que mantería unha estreita amizade, como o demostra o feito de que Simón Rodríguez asine como testemuña na voda de Casas.
O seu primeiro contrato como mestre arquitecto foi para arranxar a igrexiña compostelana de San Fiz de Solovio (1703-1713), que remata con un campanario, que será posterormente imitado en numerosos templos galegos. No intermedio dese labor, Rodríguez pasa a dirixir as obras dos Cuarteis do Barrio da Cerca, hoxe desaparecidos, cando un desgraciado accidente conlevou o seu encarceramento por case un ano. Aínda que logo saiu absolvido, o sucedido supuxolle un amargo trance.
En 1719 proxecta a igrexa de Santa María de Dodro.
Entre 1721 e 1726 foi chamado polas monxas clarisas para facerse cargo da renovación do seu convento santiagués, iniciada no século anterior. Realiza alí a que posiblemente é a súa obra mestra: a fachada da Portería, conmunmente coñecida como fachada de Santa Clara ou, simplemente Santa Clara. En realidade levantou unha falsa fachada na entrada do mosteiro. Pero as solucións adoptadas, nomeadamente os cilindros no remate, suxiren un feliz e insólito uso do principios de inestabilidade e chamada de atención tan propios do Barroco.
Pola mesma década realizará algúns dos mellores retábulos compostelanos. En 1721 o da capela da Prima na mesma catedral. Mais sobrepasará o realizado ata entón con o retábulo do altar maior da igrexa da Compañía de Xesús (1726), actualmente igrexa da Universidade de Santiago. O audaz tipo de columna con o capitel que crea, con un pequeno cilindro, faría que se chegase a designar como orde compostelana ( Ramón Otero Túñez). Os dous altares laterais, o de San Francisco de Borxa e o de San Luís Gonzaga, serán executados posteriormente (1735).
Comezaría a capela do Santo Cristo no convento mercedario de Santa María de Conxo, en 1729, no extrarradio compostelano. O labor ocupouno ata 1729.
En 1734, o arcebispo Yermo encargalle a Simón Rodríguez a Casa de Exercitantes (1734-1737), actual Facultade de Filoloxía, pero o falecemento do prelado e as subsecuentes discrepancias sobre os pagos, levaron a que o edificio fose acabado por outro arquitecto: Pedro de Lubiate.
En 1743 trasladase á Coruña para a execución da capela da Orde Terceira. Volta, enfermo, a Santiago, sendo ingresado durante algún tempo no Hospital Real (1744).
Mais desde 1743 estaba xa inmerso, na súa cidade natal, na que debería ser a súa obra cimeira. Os frades franciscanos encargano das novas trazas e o erguemento da igrexa de San Francisco de Val de Deus. No que se coñece do proxecto, Rodríguez tiña en mente levantar unha fachada tal que podería facerlle sombra á mesma catedral, na que por eses anos Casas estaba a levantar a nova fachada occidental, logo coñecida como o Obradoiro. Os frades benedictinos do cercano mosteiro de San Martín Pinario, iniciaron pleitos contra as obras dos franciscanos, que as paralizaban. Por último interveu a madrileña Academia de Belas Artes que acabou por modificar o proxecto impondo as directrices neoclásicas. Aínda que as modificacións parece que non foron excesivas, si foron as suficientes para suprimir a decoración e reformar o remate superior, afectando frontón e torres.
Simón Rodríguez xa non vería os resultados. Falece en novembro de 1751, na súa casa do barrio da Torre da Atalaia, perto de [San Miguel dos Agros]], sendo sepultado o día 19 na igrexa de San Xoán Apóstolo.
[editar] Bibliografía
- Folgar de la Calle, María del Carmen, Simón Rodríguez. A Coruña. 1989 - ISBN 84 241 9899 9