Torre de Hércules
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. Hai varias lendas relacionadas coa súa construción. Unha delas, narrada na Crónica Xeral de Afonso X, conta que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta que enterrou a cabeza do xigante Xerión, despois de vencelo en combate e liberar ás xentes do lugar da súa tiranía. Sobre o lugar no que enterrou a cabeza ergueu unha torre e mandou logo poboar unha cidade. Crunna foi a primeira muller en se presentar e dela tomará nome a vila. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión. A outra lenda foi tomada do Libro das invasións de Irlanda durante o Rexurdimento: nel cóntase que o rei Breogán de Hispania ergueu unha torre desde a que o seu fillo Ith albiscou Irlanda; morreu no intento de conquistar a illa pero o seu irmán, Mil, si tivo éxito.
A Torre de Hércules foi construída polos romanos como faro de navegación no século II d.C. durante a época de Traxano. Unha inscrición aos pés da torre indica que foi erguida por Gaio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium (hoxe Coimbra). Paulo Orosio menciónaa no século V d.C. ("Secundus angulus circium intendit ubi Brigantia, Gallaeciae civitas sita, altissimam pharum e inter pauca memorandi operis as speculam Britanniae erigit"). A torre perdeu, posibelmente, o seu uso marítimo durante a Idade Media ao se converter en fortificación e caeu na ruína no medio das desputas entre o Conde de Traba e o Arcebispo Xelmírez pola súa propiedade que lle fan perder, entre outras cousas, o muro exterior. Será no século XVII cando o Duque de Uceda, en 1682, encargue a restauración do que se coñecía como "Castelo Vello" ao arquitecto Amaro Antune, quen construíu unha escaleira de madeira que atravesaba as bóvedas ata a parte superior, onde sitúa dúas pequenas torres para soportar os fanais.
No reinado de Carlos IV realízase unha reconstrucción completa que dura entre 1788 e 1791, dirixida por Eustaquio Giannini no estilo neoclásico. A torre era, antes de acometer a reforma, un corpo prismático con base cadrada; no exterior presentaba un muro de pedra con dúas portas na parte baixa e xanelas asimétricas que o percorrían ata o piso superior, e un mordente helicoidal que tamén chegaba ata o alto. No seu interior conservaba a vella estrutura romana, pero con escaleiras de madeira que pertencían á restauración do edificio, harmonizándoa na súa decoración cos marcos superiores de portas e xanelas.
A súa planta é cadrada, cunha altura total de 68 metros. Ten tres corpos, en primeiro un paralelepípedo recto de base cadrada de 11,60 metros de lado e 34,60 metros de altura. Sobre esta asenta outro intermedio máis pequeno de sección octogonal, cun terceiro corpo, paralelepípedo tamén octogonal, que soporta sobre este unha construción cilíndrica en vidro que protexe a lanterna do farol. Súbese ao alto por medio de 242 chanzos e desde arriba tense unha panorámica aberta para o oceano Atlántico, praias urbanas da Coruña e a ría.
A Torre e o seu contorno foron excavados entre 1992 e 1994 e a entrada actual das visitas faise polos alicerces romanos.