Paulo Orosio
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Orosio (Paulus Orosius) (c. 385 - 420) foi un historiador e teólogo da Gallaecia.
Seguramente natural de Braga, Paulo Orosio entrou ao servizo da igrexa de moi novo. Posicionouse contra do priscilianismo, que era moi forte entón na Gallaecia, e escribe a Agostiño de Hipona o Commonitorium de errore Priscillianistarum et Origenistarum. No 414 vaino visitar a Cartago para adquirir unha sólida educación teolóxica coa que combater o priscilianismo. No 415 marcha a Palestina cunha carta de presentación para Xerome, entón monxe en Belén. En Palestina enfrontouse ao bispo de Xerusalén, Xoán, no sínodo que se celebrou en xuño do 415 polo apoio do bispo a Pelaxio. Nel, Orosio leu a condena que se realizara no sínodo de Cartago no 411 e leu os escritos de Agostiño contra o pelaxianismo sen conseguir que se condenara a Pelaxio. Por mor deste enfrontamento escribiu o seu Liber Apologeticus. Orosio enviou cartas e legados ao papa Inocencio I e agardou ao sínodo de Dióspolis, que se celebrou a fins de ano e no que Pelaxio saíu absolto,
Orosio regresou a Cartago e alí escribiu Historiae adversum Paganos a petición de Agostiño, na súa concepción da historia, Orosio seguiu a filosofía agostiña. Redactou unha crónica das calamidades, pretendendo probar que as desgrazas que ocorrían no seu tempo non se debían ao cristianismo, como afirmaba Simaco, senón que antes del houbera catástrofes peores, e foi a primeira tentativa de escribir unha historia do mundo guiada por Deus. O libro converteuse nun manual de historia durante a Idade Media, con máis de 240 manuscritos coñecidos e traducións ao anglosaxón e ao árabe. En relación os suevos a postura de Orosio foi ben diferente da de Hidacio xa que chegou a escribir que a chegada dos suevos á Gallaecia fora a época de máis felicidade desde a creación do mundo.