Xosé Ramón Barreiro Fernández
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé Ramón Barreiro Fernández (2 de decembro de 1936 - ) é un historiador galego e o actual presidente da Real Academia Galega.
Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario. Doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade e é catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia. Desde o 20 de decembro de 2001 é o presidente da Real Academia Galega, sustituíndo a Francisco Fernández del Riego.
Entre as súas achegas ao campo xurídico destacan, entre outras, El origen litúrgico del Derecho Canónico ou La estabilidad del beneficio mentres que a súa obra histórica repártese en numerosos libros e estudios. Barreiro Fernández participou en diversos congresos nacionais e internacionais, dirixindo os organizados sobre Estudios Xacobeos'' (1970), Rosalía de Castro (1985) e Otero Pedrayo (1988).
Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galiza e están recollidos en artigos e obras publicadas en castelán e en galego. Destacan: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982, La imprenta en Galicia (1982), Historia de la imprenta en Galicia (1990) ou os catro volumes dedicados ós séculos XIX e XX que publicou dentro do proxecto editorial Galicia (1991).
Ademais do Premio da Crítica co que foi galardoado en 1982, Barreiro Fernández recibiu o Premio Televisión Española en Galicia (1988). É membro do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, do Centro de Estudios Xacobeos, do Instituto José Cornide, do Seminario de Estudios Galegos e do Consello da Cultura Galega.