Acivro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O acivro (Ilex aquifolium) é unha árbore perenne da familia aquifoliáceas. Recibe tamén os nomes de acivo, acevo, acevro visgo e xardón. Medra en bosques no oeste, centro e sur de Europa. En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e chuviosas do centro e interior. Ten unha altura de entre 2 e 5 m de altura, aínda que hai exemplares de ata 15 m. A súa copa, cónica, ten forma de espiral con pólas ascendentes nas árbores novas, co tempo vólvese mesta e irregular. As follas son moi variables, aínda que adoitan ser coriáceas e onduladas, de entre 6 e 8 cm de lonxitude, co extremo en forma de punta. As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas e as das superiores ondulados ou lisos. As flores masculinas e femininas nacen en diferentes árbores, en acimos mestos, situados na base das follas, son flores pequenas, de entre 6 e 8 mm, e brancas. O froito é unha baga velenosa, de entre 7 e 10 mm de diámetro. A súa madeira é dura e pesada, polo que é difícil de traballar, antigamente usábase como substituto do ébano.
A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción está penado con multas económicas (mesmo que sexa dentro da finca propiedade do sospeitoso).
[editar] Mitoloxía e tradicións
Os celtas considerábanno unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno. No calendario druídico identificábase co periodo que ía entre o 15 de maio e o 11 de xuño, e no alfabeto Ogham coa letra T.
Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, e os romanos asociábanno ás festas saturnais.
Segundo a tradición americana do nadal de estaren un mozo e unha moza baixo unha póla de acivro ou visgo deben bicarse.
Segundo a tradición popular galega para atraer unha moza, o rapaz tiña que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres rezaba un credo de cada vez e tocar con ela á moza.