Autenticación
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Autenticación é o acto de establecer ou confirmar que algo ou alguén é auténtico. A autenticación dun obxecto pode significar a comprobación da súa orixe. A autenticación dunha persoa a miúdo consiste en verificar a súa identidade
En seguridade informática, denomínase autenticación ó proceso de verificación da identidade do emisor dunha comunicación, como por exemplo nunha petición de acceso a un sistema. O emisor que está sendo autenticado pode ser unha persoa, un ordenador ou un programa de ordenador.
Nunha rede de confianza, a autenticación é o xeito co que se asegura que os usuarios realmente son quen din ser.
Non se debe confundir o termo autenticación con autorización. Mentres que o proceso de autenticación consiste na verificación da identidade dun usuario (persoa, ordenador ou programa informático), coa autorización verifícase que un usuario ten permiso para realizar unha tarefa determinada. Polo tanto, a autenticación sempre precede á autorización.
Tendo en conta que a autorización non pode ocorrer sen antes producirse a autenticación, é fácil entender por que en ocasións o termo autorización é empregado para referirse á combinación dos dous procesos.
[editar] Métodos de autenticación de persoas
Os métodos polos que un ser humano pode autenticarse nun sistema informático clasifícanse nestas tres categorías:
- Algo que soamente o usuario é ou fai: Este sería o caso dos sistemas de identificación biométrica, tales como os baseados nas características físicas de partes do corpo como a pegada dactilar, ou o iris; ou os baseados na forma en que o usuario fai algo (ex.: asinar, teclear.
- Algo que soamente o usuario ten: dispositivos físicos como tarxetas (de proximidade, de banda magnética, tarxetas intelixentes), chaves USB, etiquetas RFID...
- Algo que soamente o usuario sabe: un contrasinal, unha frase, ou un PIN
En ocasións úsase unha combinación de varios métodos, como pode ser o caso dos caixeiros automáticos, que requiren algo que se ten (unha tarxeta), e algo que se sabe (unha clave).