Campo magnético
Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Un campo magnético é o campo producido por cargas en movemento, que resulta no exercicio dunha forza sobre outras cargas en movemento non paralelo. Esta forza é proporcional ao campo magnético xerado, isto é, ao valor de indución magnética (B) que é unha magnitude vectorial empregada para caracterizar un campo magnético; proporcional á carga que sofre a acción do campo, á velocidade desta carga e ao seno do ángulo que forman a velocidade da carga e o vector indución magnética.
Por outra banda o campo magnético pódese abordar de xeito semellante ao eléctrico, máis en lugar de considerar a carga eléctrica (un escalar) como fonte do campo, este papel vaino facer o momento dipolar magnético (un vector). É neste senso que se fala do campo magnético coma un campo que deriva dun potencial vectorial e non dun escalar como o campo eléctrico.
Onde B é o vector indución magnética e μ é o momento dipolar magnético que o xenera. Unha consecuencia disto é o feito de o campo magnético non ser un campo conservativo, e daquela non ser irrotacional, presentando en xeral un rotacional que non se anula. Porén a súa diverxencia, resulta nula por definición, polo que non hai fontes nin sumidoiros nun campo magnético, non hai "cargas magnéticas", ou máis correctamente, non hai monopolo magnético. E por isto mesmo as liñas de campo son sempre pechadas.
Para ter unha idea intuitiva do que é un dipolo magnético, pódese considerar o caso máis sinxelo que o xera: o dunha corrente eléctrica circular. Neste caso o dipolo magnético é un vector perpendicular ao plano do círculo, co sentido de avanzo dun sacacorchos que xira coa corrente. O seu módulo vén dado polo produto de corrente e radio.
Un caso importante de material magnético é o do imán. É un material como a magnetita (imán permanente), o ferro imantado etc., que cria ao seu redor un campo magnético. A razón atópase no feito de ter na súa estrutura interna unha serie de dominios, nos que os electróns presentan orbitais que dan lugar a momentos magnéticos paralelos, e ademais este dominios están orientados dun mesmo xeito, fornecendo un momento resultante non nulo. O imán sempre presenta un polo norte e un polo sur, aínda que rompa cada anaco manterá os dous polos evidenciando de novo o feito de que as liñas de campo son sempre pechadas: saen do polo norte e entran de novo polo polo sur (ver a figura).
Dun punto de vista do magnetismo, os materiais pódense clasificar en paramagnéticos, diamagnéticos ou ferromagnéticos, segundo o comportamento que presentar a súa susceptibilidade magnética.
[editar] Véxase tamén
- Momento dipolar magnético
- Indución magnética
- imán
Electromagnetismo | |
Electricidade | Magnetismo | |
Electrostática | Magnetostática |
Carga eléctrica | Lei de Coulomb | Campo eléctrico | Lei de Gauss | Potencial eléctrico | Corrente eléctrica | Lei de Ampere | Campo Magnético | Dipolo Magnético |
Electrodinámica | Circuítos eléctricos |
Lei de Lorentz | Forza electromotriz | Forza Magnetomotriz | Indución electromagnética | Lei de Faraday-Lenz | Corrente de desprazamento | Ecuacións de Maxwell | Campo electromagnético | Radiación electromagnética | Condución eléctrica | Resistencia eléctrica | Capacitancia | Indutancia | Impedancia | Cavidade resoante | Guía de ondas |