Guerra dos seis días
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A guerra dos seis días, tamén coñecida como a guerra árabe-israelí de 1967 foi un conflito armado entre Israel e os seus veciños árabes: Exipto, Xordania e Siria. Trala fin da guerra, Israel pasou a controlar o estreito de Gaza, a península do Sinaí, Cisxordania e os Altos do Golán.
O medre das tensións entre árabes e xudeus levou ambas as partes a mobilizaren as tropas, sen agardar a que a guerra chegase ás súas fronteiras o 5 de xuño de 1967. Israel, segundo o plano do xefe do estado maior israelí Moshé Dayán, ataca Exipto, Siria e Xordania, conquista os Altos do Golán (a día de hoxe en mans de Israel), Siria, a península do Sinaí e Gaza a Exipto, e Cisxordania a Xordania. Exipto respostará expulsando os cascos azuis da ONU do Sinaí e Suez, e coa mobilización de 100.000 soldados. Nasser afirma publicamente que a súa intención é destruír Israel. As forzas aéreas israelís eliminan as exipcias en ataques por sorpresa. En total os israelís destruíron ou capturaron 400 avións e 800 carros de combate; fronte a 800 baixas israelís, os árabes perderon 15.000 homes. O 10 de xuño Israel completa a súa ofensiva, e ao día seguinte asínase un cesamento do fogo. Logo desta guerra queda clara a capacidade militar de Israel fronte os seus viciños, e Israel pasou a controlar 70.000 km² fronte aos apenas 21.000 anteriores.
[editar] Orixe
A guerra de Suez de 1956 fora unha derrota militar pero unha vitoria política para Exipto, a presión diplomática dos Estados Unidos e da Unión Soviética forzaran a Israel a devolver a península do Sinaí a Exipto a cambio que esta deixara de enviar comandos armados a Israel. Como resultado, a fronteira entre Israel e Exipto permaneceu tranquila durante un tempo. Israel conseguiu o estacionamento dunha forza de emerxencia da ONU (UNEF) no Sinaí que asegurase a desmilitarización da península despois da nacionalización da canle de Suez por Nasser logo dos Estados Unidos retiraren a súa axuda ao financiamento do encoro de Aswan. En 1957, 17 potencias marítimas declararon na ONU que Israel tiña dereito a transitar polos estreitos de Tirán, pero Exipto clausurouno o 23 de maio de 1967
En 1966 Exipto e Siria asinan unha alianza militar. O 7 de abril de 1967 un incidente menor na fronteira entre Israel e Siria converteuse nunha batalla aérea sobre os Altos do Golán, no que Siria perdeu 7 MiG-21 e as Forzas Aéreas de Israel voaron sobre Damasco. Rapidamente, os pequenos incidentes froteirizos multiplicáronse, e Exipto planeaba remitalizar o Sinaí, polo que o 17 de maio demanda á UNEF que evacúe a península, o que acepta o secretario xeral da ONU U Thant.
Israel considerou casus belli a clausura dos estreitos de Tirán e a saída das forzas da UNEF. O 30 de maio Exipto e Xordania asinan un tratado de defensa mutua, e o 1 xuño Moshé Dayán asume a carteira de defensa israelí.
[editar] Desenvolvemento
O primeiro, e máis importante, movemento de Israel foi un ataque preventivo contra a Forza Aérea Exipcia, a máis grande e moderna de todos os países árabes, con 385 avións, de construción soviética e relativamente novos.
O 5 de xuño ás 7:45 (hora israelí) os avións da Forza Aérea Israelí despegan das súas bases para atacar os aeródromos militares exipcios que destruíu a case totalidade da forza aérea exipcia: 300 aparatos e 350 pilotos de combate desapareceron por tan só 19 aparatos perdidos polos israelís. O ataque deu a Israel a supremacía aérea.