HTML
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Linguaxe de Etiquetaxe de HiperTexto (HTML, HyperText Markup Language en inglés) é unha linguaxe informática deseñada para crear páxinas web para seren vistas cun navegador. O seu rasgo máis notorio, e o que lle dá nome, é a presenza de vínculos que permiten "saltar" a outros lugares, desa páxina ou doutras.
A HTML foi desenvolvida orixinalmente por Tim Berners-Lee cando traballaba no CERN e procuraba un medio de intercambio de información que facilitase a publicación de textos facilmente referenciábeis. O protocolo que creou convertiuse na World Wide Web (www, Rede Mundial) e popularizouse co navegador Mosaic desenvolvido pola NCSA. Durante a década dos 1990, floreceu co medre explosivo da Rede. Durante este tempo, a HTML expandiuse a moitos ámbitos. A estabilidade da Rede depende de que os autores de páxinas e as empresas compartillen as mesmas convencións de HTML.
A HTML permite:
- Publicar documentos en liña con títulos, texto, tabelas, listas, fotos, etc.
- Recuperar información en liña através de vínculos de hipertexto con só facer clic cun botón.
- Deseñar formularios para levar a cabo transaccións en servidores remotos, para usar na procura de información, para facer reservas, pedir produtos, etc.
- Incluir follas de cálculo, video clips, sons e outras aplicacións directamente nos documentos.
Debido a que as páxinas web poden ser mostradas en multitude de modos distintos (navegadores de só texto, distintas configuracións de pantalla, papel, audio, etc.), o seu deseño céntrase na presentación da información mediante estilos de texto, tabelas, etc. que cada navegador decide como interpretar. A HTML non instrúe sobre, por exemplo, onde se debería colocar unha imaxe; isto déixase ao navegador, que interpreta as intencións do autor. Actualmente, a HTML compleméntase con outras linguaxes, como as follas de estilo, que si explicitan como se mostra o contido, e outras linguaxes de guión, como javascript ou PHP, que realizan distintas operacións.
A HTML é un padrón internacional (ISO/IEC 15445:2000) e é mantida polo World Wide Web Consortium (W3C, Consorcio da Rede Mundial). Trátase dunha linguaxe non de programación, senón de etiquetaxe: está orientada cara a presentación de documentos de texto con formatos. Estes documentos de textos créanse cun editor e armacénanse nun ficheiro de texto coa extensión ".html" ou ".htm". Os ficheiros residen nun servidor web que os envía mediante o protocolo HTTP cando o solicita un computador.
[editar] Ver tamén
[editar] Ligazóns externas
- Tradución galega da especificación da versión HTML 4.01