Irene Joliot-Curie
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francia Irène Joliot-Curie (1897 - 1956)
Filla dos tamén famosos científicos Marie Curie e Pierre Curie, naceu en París o 12 de setembro de 1897. Estudou na Sorbona, tendo que interromper os seus estudos pola I Guerra Mundial, na que serviu como enfermeira radióloga. Tra-la guerra, obtivo o doctorado en ciencias cunha tese sobre os raios alfa no polonio.
No 1926 casou con Frédéric Joliot, colaborando ambos no estudo da radiactividade natural e artifical, transmutación dos elementos e física nuclear. No 1935 ambos conseguiron o Premio Nobel en Química. No 1938, a súa investigación sobre a acción dos neutróns nos elementos pesados foi un paso importante no descubrimento da fisión nuclear. No 1937 foi nomeada profesora na Facultade de Ciencias de París, e no 1946, directora do Instituto de Radiación.
Activista da paz, tivo un forte interese nos dereitos da muller, chegando a ser membro do Comité Nacional da Unión de Mulleres Francesas e do Consello Mundial da Paz. Ocupou a Cátedra de Física Nuclear na Sorbona, e foi asemade nomeada Vicesecretaria de Estado para a Investigación Científica. Foille concedida a Lexión de Honra francesa. Morreu o 17 de marzo de 1956 en París, a causa dunha leucemia contraída no seu traballo.